«Atopámonos con centros cunha plantilla sobredimensionada»

Elisa Álvarez González
Elisa Álvarez SANTIAGO/LA VOZ |

GALICIA

A aplicación do decreto do plurilingüismo e a situación económica marcan un inicio do curso escolar no que o conselleiro xa avisa: «A situación obríganos a todos»

19 sep 2010 . Actualizado a las 19:50 h.

Case 400.000 rapaces dende os tres ata os dezaoito anos, aos que hai que sumar todos os alumnos universitarios. Xestionar este departamento, nun momento de grave crise económica, é todo un exercicio de contas e números.

-Acaba de comezar a secundaria con denuncias de redución de profesorado. ¿Estase a facer un axuste?

-Con respecto a estas críticas, o que estamos facendo é actuar onde hai demanda e reorganizar moitos estudios e situacións que non eran as idóneas. Atopámonos incluso con centros que, en certa medida, tiñan unha plantilla dabondo sobredimensionada. A partir de aí, poden xurdir críticas, pero se son sindicatos docentes saben cómo funciona a ensinanza, aínda que tamén pode ser que leven moitos anos fóra do mundo educativo, e non coñezan a realidade. Nunca o inicio do curso remata o día que empeza. Aínda se están cubrindo baixas hoxe, e de feito é o ano no que actuamos con máis dilixencia. Atenderanse as necesidades que sexan realmente diagnosticadas, pero a situación económica é a que é, e ven dada por anos onde se levaron a cabo políticas que nin redundaron no beneficio da comunidade educativa, xa que en tres anos o fracaso escolar pasou dun 23 a un 26%.

-Xa se está falando dos recortes orzamentarios para o 2011. ¿Que lle toca a Educación?

-Tocaralle actuar coa maior eficiencia nos ámbitos que non lle afecten realmente ao que é o resultado sobre o alumnos.

-¿Onde está esa marxe?

-Nos gastos correntes. Menos protocolo, prensa, todas esas cuestións. Todos nos imos ver tocados. ¿Pode a consellería asumir miles de novas peticións en distintos ámbitos? Non, porque podemos provocar que a comunidade educativa adoeza dalgún problema maior. Acusóusenos de destruír 300 ciclos de FP, e créanse tres; de reducir 80 unidades de infantil e primaria, e créanse 14; de pechar comedores, e xéranse prazas. ¿Que neste momento non se pode atender todo o que á xente lle gustaría? Probablemente, pero é que había ciclos formativos cun alumno ou dous. Estamos tratando de aplicar a racionalidade, a eficiencia e o sentido común. O único que podemos facer é xestionar o pouco que nos deixan coa maior eficiencia posible.

-Tendo en conta esa necesidade de conter o gasto, ¿haberá oferta de emprego no 2011?

-Non o sei, é pronto para dicilo. En Galicia o nivel de interinidade é moi baixiño, por iso non che podo dicir se vai haber oferta, entendo que a situación non é a máis doada. Cando hai unha porcentaxe de interinidade moi baixiña pode provocar bolsas estancadas, que nos pasou o ano pasado -docentes funcionarios que non se colocaron desde o primeiro momento-. Haberá que analizalo, pero son anos moi difíciles.

-¿Que supón a decisión do TSXG de non paralizar cautelarmente o decreto do plurilingüismo?

-Estabamos seguros de que cumpriamos con toda a legalidade, aínda que o auto solo ditamina que non hai un dano irreparable para o galego. Actuamos con rigorosidade, e de feito somos os máis interesados en ser escrupulosos e actuar con legalidade. Esta semana fomos a Bruxelas e as máximas mandatarias a nivel europeo deron un aplauso ao que estamos facendo respecto ás linguas. A súa expresión foi «noraboa, deséxolle moito éxito para un proxecto tan ambicioso».

-¿Confía en que os recursos interpostos contra o decreto sigan o mesmo camiño?

-Por suposto. Teño a seguridade de que fomos tremendamente rigorosos. Se me preguntas direi que os recursos van seguir o mesmo camiño, pero non quero interferir na Xustiza.

-Dende moitos sectores óese que a consellería non se atreverá a expedientar a docentes que incumpran o decreto.

-Non entro en provocacións, é incrible que un partido que sexa constitucional e represente a cidadáns poida falar así. O mesmos pasou co tema dos profesores, empezaron dicindo que había unha redución de 1.200, logo de 600 e agora xa dan outras cifras. Equivocáronse en todo. Xogan ás adiviñanzas, pero hai adiviñanzas mal intencionadas e confundíronse en todo.