«Celebro que se divulguen textos tan marabillosos e reveladores»

La Voz

PONTEDEUME

15 may 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Eva Veiga cre que todo o que se faga pola difusión das nosas letras é de agradecer. «Os meus parabéns. É unha idea excelente. Sen esa literatura nós non seríamos. Celebro que se divulguen textos tan marabillosos e reveladores de nós mesmos», sinala a poeta e xornalista de Pontedeume.

«É necesario recuperar obras que ás veces quedan relegadas por creacións novas, máis contemporáneas. Nas artes hai como unha tendencia de non estudar o de atrás e quedar só co de agora», agrega.

Recorda, ademais, que un diario coma La Voz ten a capacidade de levar algo a un público moi amplo. E subliña que as escolmas poden levar máis tarde ao lector á obra completa dun escritor.

Á hora de seleccionar os seus escritores favoritos, recoñece que case non pode escoller. «Son moi devota de Rosalía de Castro , por suposto, pero tamén de Manuel Antonio , Álvaro Cunqueiro , Castelao , Antón Losada Diéguez , que é menos coñecido e que cunha iniciativa así chega aos lectores... Paréceme que todos eles teñen que estar na colección de indispensables. Só boto de menos a Luís Pimentel», conclúe a autora.