«O risco de escisión é un debate interesado para debilitar ao BNG»

GALICIA

A deputada nacionalista cre que a organización superou a situación de bicefalia da última asemblea e pide unidade para impulsar un proxecto ilusionante para o país

06 feb 2010 . Actualizado a las 12:32 h.

Cando o BNG se fundaba como organización en Riazor, no ano 1982, ela estudaba cuarto de Arquitectura en México e debuxaba casiñas con tinta chinesa. Vinte e cinco anos despois, Teresa Táboas (Cidade de México, 1961) acabou debuxando a Lei de Vivenda e as Normas do Hábitat co Goberno bipartito galego do que formou parte. Arquitectura e política. Do Beariz do seu pai á cidade máis poboada do planeta. Esa dobre pertenza define á número dous do Bloque, que creceu educada en castelán, pero oíndo aos seus pais falar galego entre eles.

-¿Que fai vostede no BNG?

-E onde ía estar. Son nacionalista e galega.

-E moi atípica, viaxada, cunha posición acomodada...

-Pero o verdadeiro nacionalista é profundamente universal, o coñecemento doutras identidade reforza a propia.

-¿Como chegou ao Bloque?

-Os primeiros contactos foron cando colaborei no estudio de César Portela. Por alí pasaba Beiras con frecuencia, intercambiaban ideas, tiñan alí os seus debates cos que eu aprendía.

-¿Foi a admiración a Beiras?

-Si, claramente, o Colexio de Arquitectos de Galicia empezaba a súa andaina e había semente nova. A nosa arquitectura estaba moi vencellada a un pensamento social e político, que entendía este país, que quería buscar unha sociedade máis xusta a través do urbanismo e da composición dos espazos públicos e privativos.

-¿En que situación está agora mesmo o Bloque?

-É unha organización que sempre está en ebulición, e aí reside a súa riqueza. Sempre hai debate e propostas, nas asembleas, nos consellos...

-¿Cre que está disipado o risco dunha escisión?

-Debater e discrepar non é sinónimo de escisión, non se poden confundir as voces críticas coa ruptura, non podemos caer nese xogo, porque o risco de escisión é un debate interesado para debilitar ao BNG.

-¿Superouse o enfrontamento da última asemblea entre a UPG e os quintanistas?

-Sempre é posible o entendemento, pero para iso os actores deben deixar a un lado as cuestións persoais e as de grupo. Temos que estar xuntos como unha piña, porque o BNG ten que ser un proxecto político ilusionante para este país.

-Pero a imaxe foi de bicefalia, con Vázquez e Aymerich.

-Non existe bicefalia ningunha, temos un portavoz nacional da organización que é Guillerme Vázquez. E punto. E logo o BNG ten que ter voceiros nas Cámaras onde estea.

-¿Visualiza a Guillerme Vázquez de candidato á Xunta?

-Tradicionalmente, o portavoz nacional foi o candidato. Pero esa decisión terá que tomala a militancia cando toque, e non toca agora.

-¿Cre que Aymerich podería entón ter algunha opción?

-Carlos Aymerich é o portavoz parlamentario. Ese é o papel que ten agora mesmo, e ningún outro.