Senén Rouco

Últimos artículos publicados

05 dic 2024

Lois Orosa en «De 0 a 100»: «O maior valor do Cesga é o apoio á comunidade científica»

O director do Centro de Supercomputación de Galicia (Cesga) fai balance dos 31 anos que a organización leva ofrecendo os seus servizos. Actualmente máis de 1.400 usuarios botan man del para diferentes proxectos de I+D+i, que se benefician do emprego dos seus sistemas de altas prestacións. Entidades coma MeteoGalicia, por exemplo, melloran as súas previsións meteorolóxicas gracias aos seus sistemas de procesamento de datos. E nos seus equipos de almacenamento, actualmente de 35 petabytes (PB), albergaranse nun periodo de cinco anos mostras de ADN de 400.000 galegos, coas que no futuro poderán identificarse variantes xenéticas de risco e así «previr e anticipar enfermidades». Lois Orosa (Santiago, 1982), detallou algúns dos destacados proxectos en marcha e o traballo do centro aos alumnos do IES Pontepedriña, no que el mesmo estudou, no programa que La Voz realiza en colaboración con Consellería de Educación. «Para nós, que aceptamos proxectos que supoñan avances en investigación, é fundamental contribuir con iniciativas que xa están repercutindo na mellora da calidade de vida dos galegos», sinala Orosa poñendo como exemplo a cada vez máis precisa previsión do tempo que MeteoGalicia pode ofrecer. A cartografía e os mapas detallados da comunidade tamén son datos que dixitalizados e interpretados polas súas computadoras teñen moito valor. «Non só se trata de Sistemas de Información Xeográfica, Augas de Galicia pode monitorizar en tempo real datos hidrográficos evitando o risco de inundacións», ampliou a explicación ao respecto para o alumnado de 4º da ESO do centro de secundaria. A mediados de 2026 o Cesga verá ampliadas as súas instalacións no Campus Sur de Santiago cun novo edificio no polígono compostelano de A Sionlla, que suporá albergar unha nova evolución da súa supercomputadora Finisterrae e contar con máis almacenamento de datos.

IAGO GARCÍA / SENÉN ROUCO / ÁLEX LÓPEZ-BENITO

14 nov 2024
Gelis Romero, catedrática en tecnoloxía dos alimentos da USC

Gelis Romero en «De 0 a 100»: «O 95 % das veces que mercamos de novo un alimento é unicamente polo seu sabor»

María Angeles Romero, coñecida coma Gelis, volveu a súa vila natal, Ferreira do Valadouro, para contarlle aos alumnos do IES Alfoz-Valadouro como é o seu traballo como unha das meirandes expertas do país no sector alimentario no programa que La Voz realiza en colaboración coa Consellería de Educación. 
A catedrática en tecnoloxía dos alimentos da USC é unha firme defensora da alimentación saudable e «de proximidade, de kilómetro cero». Para ela mercar a un agricultor ou gandeiro veciño que comercializa directamente os seus produtos sen aditivos é sinónimo de saúde. De feito, está constatado que o consumo de ultraprocesados está relacionado con ata 30 patoloxías diferentes. Máis alá da docencia, é socia impulsora de Tastelab, unha empresa pioneira de análise sensorial que axuda a importantes multinacionais antes de lanzar novos productos. «Ademais das catas creamos un software, Sensesbit, que está a dispor dos clientes, co que poden ver rápidamente como están respondendo consumidores potenciais antes de dar o visto bo a calquera novidade que se queira empezar a producir», sinala Romero. 
«O 95 % das veces que mercamos de novo un alimento é únicamente polo seu sabor», precisa a lucense, que defende a importancia da labor de Tastelab: «Cada ano, a nivel mundial, 13.000 produtos desaparecen dos liñais dos establecementos porque deixan de ter demanda» 
Dende o 2016 Galicia conta coa única Cátedra do Pan e do Cereal do mundo, vinculada ao Campus de Lugo da USC. «Con ela queremos valorizar todo o proceso que xira arredor deste alimento tan noso, estudando dende as especies de cereal autóctono que inflúen no seu sabor ata o mantemento dun proceso de fermentación que fai único no mundo ao pan galego», conclúe o seu contacto con alumnado.

IAGO GARCÍA / SENÉN ROUCO / ÁLEX LÓPEZ-BENITO

24 oct 2024

Tania Romeu en «De 0 a 100»: «A neurorrehabilitación mellora a calidade de vida dos pacientes máis alá dos seis primeiros meses»

A terapeuta ocupacional e experta na rehabilitación do sistema nervioso periférico defendeu ante aos alumnos do IES Virxe do Mar de Noia unha terapia «transdisciplinar» con diferentes profesionais sanitarios para unha neurorrehabilitación exitosa no programa de entrevistas de La Voz en colaboración coa consellería de Educación. 
Tania cumpre un cuarto de século adicada ao sector sanitario. Fai 25 anos deixaba os seus estudos en enxeñaría química industrial e apostaba pola súa vocación, axudar a persoas que sofren danos neurolóxicos a recuperar a súa autonomía, movilidade e independencia. «Hoxe un terapeuta ocupacional xa está considerado un piar fundamental no recuperación dos doentes, unha figura fundamental para ter calidade de vida e prolongala no tempo», sinala sobre a consideración social do seu traballo. 
Romeu é ademais unha emprendedora, impulsando diferentes clínicas privadas de neurorrehabilitación e liderando equipos de profesionais de diferentes ramas, coma fisioterapeutas, logopedas, terapeutas ocupacionais e psicólogos centrados na mellora dos doentes que atenden. «O apoio psicolóxico e anímico é fundamental para estes pacientes, que de súpeto e inesperadamente deixan de poder facer cousas por si mesmos», sinalou a noiesa no centro no que estudou bacharelato.

IAGO GARCÍA / SENÉN ROUCO / ÁLEX LÓPEZ-BENITO

17 oct 2024

África González en «De 0 a 100»: «Van a venir más pandemias, pero lo bueno de haber vivido el covid es que estaremos mejor preparados para ellas»

A catedrática de inmunoloxía do Centro de Investigacións Biomédicas da Universidade de Vigo (CINBIO), explicou a alumnos do IES Val Miñor de Nigrán, a mellor «defensa» que temos fronte a patóxenos externos, que non é outra que o noso sistema inmune, no programa de La Voz en colaboración coa Consellería de Educación. 
Autora do libro Inmuno Power, no que da as claves para coñecer e fortalecer as nosas defensas, é firme defensora de que a nivel particular cada un de nós coidemos a alimentación e fagamos exercizo para ter o «escudo interior e exterior» preparado fronte a bacterias e virus. Falando destes últimos e centrados en concreto na covid-19, a que fora presidenta da Sociedade Española de Inmunoloxía é optimista a pesares de que as pandemias hóuboas ao longo da historia e repetiranse inevitablemente. «Cada vez somos más y llegamos a sitios en los que no estábamos, invadiendo en cierto modo el hábitat de otras especies» sinala González, que chama a atención sobre a necesidade por este motivo de que esteamos o mellor preparados posible de cara ao futuro. «Con el coronavirus hemos podido desarrollar vacunas efectivas en tan solo un año, una respuesta inmunitaria contra un patógeno nuevo y específico», recorda sobre un dos avances médicos máis destacados daquel momento.

IAGO GARCÍA / SENÉN ROUCO / ÁLEX LÓPEZ-BENITO

17 oct 2024

Juan José López Escobar en «De 0 a 100»: «Non somos conscientes de todos os datos que facilitamos co noso móbil»

O enxeñeiro de telecomunicacións de atlanTTic, da Universidade de Vigo, incidiu no programa de La Voz en colaboración coa Consellería de Educación, na importancia dun uso responsable do noso «perfil dixital», imprescindible en todo caso para ter unha boa experiencia coma usuarios de internet. Aos alumnos de bacharelato do IES República Oriental do Uruguay de Vigo, este investigador explicoulles aspectos relacionados coa chamada internet das cousas (IoT) e as redes 5G e 6G. A primeira consiste na relación entre diferentes dispositivos electrónicos coa rede, facilitando unha relación personalizada con eles. «Un altavoz intelixente, o noso ordenador portátil, o do traballo e o móbil forman un todo, por iso dicimos a veces que "o móbil nos escoita"». López Escobar lembrou que iso non é exactamente así, e que sucede polos permisos que como usuarios outorgamos a aplicacións que empregamos a cotío, como por exemplo facilitando datos relativos á nosa ubicación e ás veces mesmo proporcionando acceso á cámara. «Cómpre ir moitas veces a axustes e ser precisos neste sentido, unha aplicación que serve para informar do tempo, non debería ter acceso ao micrófono, por exemplo», aconsellou aos rapaces. 
Como membro de atlanTTic, Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación da Universidade de Vigo, axudou a debuxar o futuro das conexións inalámbricas. Destacou as smart cities, a transformación dixital das cidades, que mediante sensores conectados entre sí facilitando datos sobre tráfico ou calidade do aire, poden mellorar a calidade de vida dos veciños. Sen esquecer que nuns anos esta circunstancia ou a crecente presenza dos coches autónomos suporán ter que incrementar o ancho de banda das conexións, nas que cada vez hai máis datos. Se actualmente o 5G chega a 1 Gigabyte por segundo, «o 6G multiplicará esa cifra por 10».

IAGO GARCÍA / SENÉN ROUCO / ÁLEX LÓPEZ-BENITO