«Galicia recuperará a finais de ano taxas de crecemento do 0,2%»

Luís Villamor

ECONOMÍA

Campo confía en que a melloría dos países da UE apuntalará as exportacións

19 ene 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Ao responsable de estatística da Xunta cústalle exercer de oráculo, pero presente que Galicia sairá da recesión a finais deste ano, debido en parte á recuperación da demanda externa.

-A crise segue aí, pero a Xunta é optimista respecto a Galicia e di que sairá dela antes que España. ¿Por que?

-Porque nos últimos anos a súa situación, comparada coa economía española, é mellor. Ten un mellor comportamento dos indicadores, dentro do mal que se comportaron no 2009, pero comparativamente con outros sectores económicos a destrución de emprego e o paro foron menores que dentro do Estado. Nós mantivemos un diferencial de crecemento coa economía española. -¿Esta situación vén motivada por decisións da nova Xunta ou foi propiciada en parte polas do Executivo anterior? -As cousas non se producen da noite para a mañá, como tampouco na etapa anterior se podían achacar as cousas ao novo Goberno. As medidas que se poden adoptar son máis a medio e longo prazo. -O IPC increméntase pero é basicamente pola suba dos prezos do petróleo, non pola confianza do consumidor na economía... -Digamos que crecen os prezos, pero a inflación é moi pequena, no entorno do 0,1% ou 0,2%. Falta por ver se o repunte do consumo é excepcional neste mes ou se traslada a meses posteriores. -Este ano 2010 preséntase con moitas dúbidas... -A ver que acontece nos primeiros trimestres do ano. Os principais socios comerciais de Galicia, como Francia, Italia, Alemaña ou Portugal presentaron mellorías nas taxas intertrimestrais. A Unión Europea saíu da recesión, hai países con dous trimestres en taxas interanuais positivas e todo apunta a que se van manter. Esperamos que a recuperación da demanda interna neses países repercuta nas nosas exportacións. A maiores disto está o Xacobeo. Creo que Galicia recuperará a finais de ano taxas de crecemento do 0,2%. -¿A crise pode mermar a chegada de visitantes á comunidade neste ano Xacobeo? -As cifras do INE recollen, nun ano normal, catro millóns de visitantes, e as do Instituto de Estudos Turísticos, que son coherentes, falan de que os viaxeiros españois con destino a Galicia son oito millóns. Habería que ver cantos son da comunidade e cantos veñen de fóra. -¿Cal é hoxe o talón de Aquiles da economía galega? -A industria e a construción. Os produtos industriais tiveron caídas do 12% e do 14%. A produción de bens de equipo tamén se resentiu fortemente e algunhas ramas do sector servizos. -¿Ule a brotes verdes? -A economía española tocou fondo no segundo trimestre do 2009, cando se situou no -4,2% e creo que podería cerrar nun -3,7%, o que indica unha lenta melloría. -Con 713.000 pensionistas estamos ante unha Galicia case de balneario... -Crece lixeiramente en poboación, un 0,3%, e España, ao 1,6%. Hai unha enorme diferenza. En pouco tempo é posible que Galicia poda perder habitantes.