Máis coñecido como Paco Nieto, o líder da plataforma que impulsou a folga da pesca reconverterase agora en presidente dunha patronal que defenderá as pemes
29 jun 2008 . Actualizado a las 02:00 h.Francisco Fernández Rivas é un home do mar de Burela curtido en mil batallas. Patrón e armador, a súa última aventura foi a da Plataforma en Defensa do Sector Pesqueiro, que dende a Mariña de Lugo medrou como unha bola de neve e logrou facer que amarrara en terra boa parte da flota española baixo a esixencia de solucións para os problemas que afectan ao sector pesqueiro.
-Tras case un mes de paro e coa flota de volta ao mar, ¿serviu para algo o amarre?
-Ata que se desenvolva todo o paquete de axudas que din que van dar (aínda que parece ser que non é case nada), pois non podemos facer unha valoración exacta. En principio, parece que o paro da flota serviu para pouca cousa, nada máis que para sensibilizar aos políticos, que vexan que estamos aquí e que temos unhas necesidades. O primeiro que había que ver é o papel que temos en Europa, porque non xogamos igual os do norte e nós, os do sur, xa empezando pola formas de cotizar. Xa veremos que pasa, pero o que é certo é que, se non hai axudas, un porcentaxe moi alto do sector pesqueiro vai morrer, porque non hai viabilidade. Quedarán as flotas artesanais, pero as pequenas e medianas empresas, como os barcos de Gran Sol e os arrastreiros de litoral desaparecen. Cos gastos de explotación que temos as pequenas e medianas empresas, pero non só españolas, tamén italianas e francesas, non hai futuro na pesca.
-¿Por que naceu a plataforma, e por que en Lugo?
-Foi un vis a vis dos portos. Houbo asembleas e chamadas de teléfono entre os armadores porque as empresas empezaban a perder moitos cartos. Esta situación denunciábase ante as asociacións, e non se facía nada, todo eran evasivas. E chega un punto, en marzo, que falamos os armadores de Burela e Celeiro e dixemos que así non se podía continuar. Así naceu a plataforma, dende a base, desde o propio sector que é o seu máximo representante, deixando aparte as asociacións e as confrarías para non ensucialas. Delegaron en min a presidencia para ir falando cos portos, tanto a nivel nacional como internacional, para explicar a nosa situación e facer unha chamada de atención ás Administracións para que tomaran en consideración a nosa situación.
-Pero non conseguiron falar coa Administración.
-O papel da plataforma foi positivo. Algúns dirixentes non entendían o que era. Hai quen entendía que pretendíamos quitarlles poder, cando era todo o contrario, tentábamos deixalos un pouco á marxe para que non se ensuciasen, e incluso atopámonos coa oposición de varios deles e dalgunhas entidades, como a Federación Nacional de Confrarías, que non foron capaces de entender que buscábamos. Porque a xente está confundida, alguén pensa que é querer protagonismo para o sector. A xente quere ir ao mar, pero non hai maneira, non é viable, hai que buscar solucións, porque así as cousas, a pesca industrial acábase en España.
-A plataforma mudou en asociación. ¿Que papel quere cumprir?
-A plataforma non ten entidade xurídica. Está ben como foro de debate, pero se se quere que continúe para que nos teñan en conta como alternativa de diálogo hai que transformala. Dende algúns portos ven a necesidade de que haxa unha patronal que teña forza en Madrid para poder loitar polo sector pesqueiro. Queremos unha patronal feita por nós e con xente elixida dende a base. ¿Non temos xa unha que se chama Cepesca? Si. ¿Sentímonos representados? Si e non. Dentro de esa patronal grande hai xente representándoa que ten outros intereses que non teñen as pequenas e medianas empresas do sector pesqueiro. Imos mirar pola situación económica das compañías asociadas. O que lle estamos agora buscando é unha refinanciación de pasivos. Algúns nos chaman empresarios, pero para todas estas firmas o seu barco é unha ferramenta de traballo, para facelo tivemos que aportar outro barco, e déronnos un porcentaxe de axuda. E todas estas empresas están creadas con hipotecas sobre o barco e sobre propiedades persoais que agora están en perigo. Dende a asociación vaise tentar que nalgún caso se poida facer fronte a esta situación. Somos patróns e armadores. Eu, por exemplo, teño aos meus irmáns a bordo e tamén ao meu fillo, e nada máis que cos quiñóns non se poder pagar o barco nin traballando todos. E nesta situación atópase o 90% da flota, porque son empresas familiares. De momento empezamos con corenta e pico armadores de Asturias, Lugo e A Coruña. Cataluña tamén quere entrar, ao igual que Cádiz. O obxectivo é que haxa unha fusión de todas elas.
-¿Cal é a clave para solucionar os problemas que ten o sector pesqueiro?
-O control das importacións. Nas superficies comerciais que nós controlamos non había pescado nacional. Galicia din que ten o 60% da flota española, sen embargo, estivemos parados e nos grandes mercados non se notou case nada. É necesario que se obrigue a marcar uns cupos de peixe de piscifactoría, de importación, igual que lle poñen á flota española. ¿Como se pode traer un peixe máis barato de Chile ou Sudáfrica que o que pesca a flota nacional, que ten o prezo tirado? Se controlasen a importación estaría practicamente solucionado. Fálase de reducir barcos. Cando entramos no mercado común éramos 420 barcos, agora somos 170 e cada vez menos rendibles. ¿Queres reducir máis? ¿Podemos regularnos nós? Si, pero o problema é que canto máis reducimos nós, máis mercado nos come o peixe de importación. No Parlamento Europeo aprobouse hai unha semana quitar aranceis a todo o peixe importado que entre en Canarias ata o 2013. Todo o contrario do que nós pediamos. Non hai prezo para o peixe e aquí sube todo, o euríbor, o costo das hipotecas, do gasoil... E baixan os prezos do peixe. Temos todo en contra.
-Vostede encabezou a que se chamou guerra do bonito, que trouxo ao porto de Burela á flota boniteira do Cantábrico no 1994 con «La Grabielle » . Hai quen lembrou isto de maneira pexorativa contra vostede cando comezaba o paro.
-Eu so non era capaz de liderar unha guerra como a do bonito, con 500 homes no medio do Cantábrico. Son as coincidencias de estar naquel sitio, no momento oportuno e dar posibles solucións a os problemas que tiñamos. Daquela había un regulamento, o 30/94 que era o que contemplaba todo o que era o uso das redes de deriva. Nós non estamos en contra da volanta, senón do incumprimento do regulamento. Eu era o patrón do Villa de Ondárroa , o que podo dicir é que grazas a ese patrón e a outros máis non lle fixemos sacar as redes de deriva a Europa, senón que fixémoslle un favor á humanidade, porque se non o desastre ecolóxico era tremendo. No futuro alguén o valorará. Daquela o problema era que non nos deixaban coller un bonito. Hoxe hai bonito pero non hai prezo.