«O éxito de UXT é o triunfo da cultura da negociación»

P. S.

ECONOMÍA

Asegura que a diferenza que manteñen co seguinte sindicato máis votado, a CIG, é sinal de estar no camiño correcto

10 feb 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

Ano a ano dende 1986, non deixou UXT de revalidar a súa condición de sindicato líder na comunidade autónoma, agora con José Antonio Gómez como secretario xeral en Galicia. -Aínda que ninguén discutía que UXT ía gañar, non foi ata agora que se publicaron os datos definitivos e oficiais. E confirmaron o que se sabía... -Para nós é unha satisfacción. Ter o 32% da representatividade dos traballadores galegos, cun 2,87% sobre o segundo, dinos que temos traballado no camiño correcto. -¿Que interpretación fan dos resultados electorais? -A parte de ser líderes, para nós é importante ver que tamén gañamos nas empresas onde se celebraban eleccións por primeira vez, e naquelas onde hai comités de empresa. -É dicir, igual en pequenas como en grandes empresas. -Nas eleccións en novas empresas, ou onde se celebraban por primeira vez, chegamos ata o 33,14% do total. Somos os primeiros en nove das quince comarcas, e en tres das catro provincias. Estamos satisfeitos. -Só deixaron de gañar en Pontevedra. ¿Que pasou? -Temos que mellorar en algúns sectores. Mellorar e corrixir. Algo xa temos feito, pero esta vez aínda non foi suficiente. -¿Van tomar «medidas»? -Non é iso. Tampouco andamos a sinalar co dedo. Son pequenas deficiencias que van sumando e acaban dando como resultado que non gañas. Sen máis. Non pasa nada. -¿Que valoración política fai do triunfo? -Primeiro, e antes das valoracións, é preciso agradecer expresamente a confianza dos traballadores, que dende o ano 1986, e dise rápido, veñen dándonos a confianza para ser os primeiros. En canto á valoración, o éxito da UXT supón o triunfo da cultura do pacto e da negociación. Nós somos máis de buscar solucións, de resolver os conflitos pola vía do diálogo. Pensamos que é preferible confrontar ideas que activar os conflitos. -¿Por que CC.?OO. queda relegado a terceira forza nestas eleccións e a CIG ascende á segunda posición? -Penso que a reflexión sobre ese feito non me corresponde a min. A diferenza, de todas maneiras, é mínima, tanto que eu diría que case se debe falar de empate técnico. Pero non son eu, insisto, quen ten que valorar que fixeron mal ou que fixeron ben os demais. -¿No sindicato están satisfeitos co diálogo social? -Estamos no bo camiño. Temos mellorado o emprego e reducido a temporalidade. Agora empezan a verse os resultados dos acordos, e cada día máis. -¿Axuda estar en boa sintonía co Goberno galego? -Valoramos moito que o presidente da Xunta se reunira cos sindicatos mesmo antes de tomar decisións importantes. A curto prazo temos pendentes acordos sobre competitividade e sobre cohesión social. O primeiro vai ben, pero no segundo non tanto. O que temos claro é que Galicia xa non pode competir en precariedade. Hai que cambiar o patrón de comportamento e crecemento.