Santiago é das poucas cidades que manteñen territorios a ermo no seu centro. Os descampados pasaron de ser espazos de ocupación infantil a posibilidade de negocio inmobiliario.
Un destes territorios privilexiados está en Fontiñas, facendo estrema co barrio do mesmo nome e conservando nos seus 50.000 metros cadrados un núcleo rural. Este territorio que aínda conserva hortos do seu cometido agrícola e que agora está asilvestrado é, segundo Lara Almarcegui, un espazo ideal porque «es difícil encontrar espacios así en el centro de las ciudades». O traballo de Almarcegui para o Centro Galego de Arte Contemporánea consiste en levantar un mapa dun territorio que agora está oculto para os cidadáns. Levantalo antes de que, na vindeira primavera, as obras comecen a urbanizar ese espazo para facelo de uso habitual.
A artista de orixe aragonesa e residente en Holanda guiou na tarde de onte unha excursión polo principal itinerario dese territorio para explicar os máis importantes dos 37 puntos seleccionados pola artista para evidenciar o carácter deste espazo.
Desde as últimas cebolas que se plantarán preto do Camiño Francés ata o canastro que queda e que afianzan o carácter rural da aldea do Cotaredo. Estes parte dos sinais de vida que serán cambiados pola urbanización e que foron rexistrados pola artista.
Os visitantes ao CGAC poderán recoller o mapa do territorio e con el na man facer unha visita polos camiños que aínda están abertos entre a vexetación e aos regatos que xustifican o nome do barrio.