El próximo jueves, con La Voz, una nueva edición de la Guía de Másters de Galicia
Emotiva despedida do alcalde na homenaxe ao ilustre escritor rianxeiro
31 ene 2011 . Actualizado a las 06:00 h.O sol brillou onte para Alfonso Daniel Rodríguez Castelao. Nun día frío pero luminoso, Rianxo volveu a facer memoria para honrar ao pai do nacionalismo galego e ao seu veciño máis ilustre. Habitualmente, este acto, no que se conmemora o nacemento do escritor rianxeiro -hai 125 anos que veu ao mundo nesta localidade- soe ter un ton reivindicativo. As queixas polo feito de que a súa casa non sexa pública, por exemplo, soen oírse. No entanto, nesta ocasión predominou a solemnidade. Iso si, tanto o alcalde, Pedro Piñeiro, como Miguel Anxo Seixas, que representou á Fundación Castelao, apelaron a seguir as leccións deste intelectual para construír unha Galicia e un futuro mellores.
Os actos para lembrar o nacemento de Castelao, en realidade, comezaron xa o sábado. Volveuse levar a escena un clásico do autor, Os vellos non deben de namorarse. Precisamente, os encargados de subirse ao escenario foron os membros da compañía Airiños, intimamente ligada a Castelao. Por tanto, estivo en bandexa falar da relación do ilustre con Rianxo e co teatro. O escritor Anxo Angueira foi o encargado de facer un retrato con palabras do autor de Sempre en Galiza. Co auditorio rianxeiro como escenario, aproveitouse tamén a ocasión para homenaxear ao director de Airiños, Xesús Santos, xa que vai deixar o cargo.
Música e flores
As celebracións continuaron onte. Á unha da tarde a música empezou a soar no paseo da Ribeira rianxeiro para Castelao. Coas gaitas interpretando o Himno do Antigo Reino de Galicia, depositáronse dúas coroas de loureiro diante do busto do escritor. Despois da ofrenda floral chegaron as palabras.
Miguel Anxo Seixas desculpou a ausencia de Pousa Antelo, presidente da Fundación Castelao. Logo fixo un perfil do homenaxeado e dixo que «Castelao é a conciencia de Galicia» e que «Rianxo é esa memoria de Castelao, do que os galegos podemos ser se queremos». Acto seguido, o rexedor rianxeiro leu un texto de Sempre en Galiza e dixo que xamais renunciará ao compromiso co escritor, co pobo e con Galicia.
Á emotividade que soe acompañar a este tipo de actos sumouse un feito. O rexedor rianxeiro, que non se presenta ás eleccións, dixo que era a súa última intervención como alcalde nunha homenaxe a Castelao. Recibiu un aplauso unánime. Aí, no paseo da Ribeira, onde Castelao, unha vez máis, uniu a políticos e veciños de todas as cores.