A Asociación Cultural Barbantia vai presentar o vindeiro xoves As voces da musa , un proxecto que practicamente concentra a filosofía da propia entidade: unidade, creatividade, cultura, plataforma de creadores... Trátase dunha recompilación de obras de todos os eidos culturais, dende a escrita, ata a pintura, con música de calidade polo medio, e unha encadernación de luxo, o que moitos hai tempo definiron como unha xoia que debera ter na casa todo barbancés cunha mínima sensibilidade cultural.
Nada menos que máis de medio cento de creadores participaron na elaboración de As voces da musa , e boa parte deles van estar o xoves no Coliseo Noela de Noia, a partir das nove da noite, lugar no que se vai celebrar, ao mesmo tempo, o cuarto Encontro de Creadores no Barbanza. Como o último día de mes coincide en xoves, Barbantia quixo concentrar nesa xornada a esperada presentación de As voces da musa , a publicación do suplemento cultural Barbantia nas páxinas de La Voz de Galicia e o encontro de creadores, unha festa da cultura galega en Barbanza.
Iniciativa inédita
Pero ¿que é As voces da musa ? Trátase dunha iniciativa inédita, porque moitos poden crer que é imposible recompilar nunha publicación poesía, gravados e música sobre un mesmo tema, sen embargo Barbantia fixo o milagre, xuntando en nove apartados a auténticos artistas das respectivas modalidades de música, poesía e pintura.
No primeiro acto, titulado Ceo novo , van da man Emilio Cao, Eva Veiga e Alfonso Costa; no segundo, Arría a xarda , Pepe Romero é o responsable da música, Xesús Rábade pon a poesía e Manuel Ayaso a pintura; no terceiro, Os lirios , Najla Shami encárgase dos sons, escribe Antonio Piñeiro e pinta Xoán Fernández; no cuarto, Camiños no bosco , Marcos Pin, Anxo Angueira e Manolo Figueiras asumiron a creación; no quinto, A flor do pan , interviñeron Sonia Lebedynski, María do Cebrerio e Baldo Ramos.
Xa no sexto acto, co título Aria para un poema de Íria Gestoso , o trío creativo principal estivo integrado por Xosé Luis Miranda, Íria Gestoso e Francisco Blanco Alcaide; no sétimo, Zarabanda , os tres creadores foron Iago Núñez, Xabier López Marqués e Julio Catalán; no octavo, Variacións para un canto de inverno , os autores principais son Xosé Ramón España, Helena Villar Janeiro e Paola García Paz; e e o peso no noveno, co enunciado Ámbitos , recaeu en Rodrigo Romaní, Ana Romaní e Nacho Costa Beiro.
A todos eles hai que engadir un feixe de instrumentos de apoio e voces que contribuíron a realzar unha obra que consta dun libro artesanal e dun cedé coas nove cancións.