«Pradolongo» supera a Indiana Jones en taquilla na súa primeira fin de semana nos Multicines Gran Arousa
AROUSA
Pradolongo, a produción de Vía Láctea Filmes rodada integramente en galego, na súa variante falada en Valdeorras, vén de colleitar un importante trunfo na súa estrea en Vilagarcía. Na súa primeira fin de semana en carteleira nos Multicines Gran Arousa, o filme de Ignacio Vilar tuteou ao poderoso Indiana Jones e chegou a superala en taquilla o pasado venres, o mesmo día no que iniciou a súa proxección.
Os datos facilitados pola dirección dos multicines á produtora son elocuentes abondo. Entre o venres, o sábado e o domingo, Pradolongo levou ás salas vilagarciás a 546 espectadores, o que a converte na película cun mellor comportamento das oito que se exhiben esta semana na capital arousá. Entre elas, non só Indiana Jones e o reino da caveira de cristal , senón tamén outras duras apostas norteamericanas como Algo pasa en Las Vegas , A voda da miña noiva ou o propio Iron Man , este xa nos seus últimos días en Vilagarcía.
En números redondos, os ingresos en taquilla da obra de Ignacio Vilar ascenderon a 4.500 euros, o que cando menos garante outra semana máis en cartel, posto que a esixencia económica para ao mantemento dos filmes nas salas vilagarciás veñen estando nuns 3.000 euros.
Unha promoción eficaz
Á marxe das súas calidades puramente cinematográficas, Pradolongo está a ser moi traballada dende o punto de vista da promoción. O seu director e os tres protagonistas da cinta están a percorrer cada recuncho de Galicia para dar a coñecer a súa obra. O xoves pasado, o día anterior a que fose estreada nos multicines arousáns, o propio Vilar estivo en cinco institutos de Vilagarcía, Cambados e Vilanova xunto a Rubén Riós, Tamara Canosa e Roberto Porto, os tres mozos que dan vida aos personaxes principais desta historia de iniciación e conflito, coa dialéctica entre a conservación de medio e patrimonio e a industrialización salvaxe.