«En Suiza traballei nas obras e en África nas vías para a bauxita que vén a Alcoa»

A MARIÑA

Máis de cen retornados galegos de Suiza, entre eles algúns mariñanos coma este veciño de Ferreira, reencontraranse mañán en Vilalba

09 dic 2008 . Actualizado a las 12:16 h.

Mañá no restaurante Montero en Vilalba haberá un encontro especial. Celébrase a sexta comida de emigrantes retornados de Suíza, con máis de cen persoas. A cita contará coa compañía musical de Juan e a súa guitarra, pero sobre todo coas lembranzas dos que un día tiveron que deixar a súa terra para buscar un futuro mellor, como foi o caso de José Fernández Rodríguez (Recaré-Ferreira, 1935), que organizou o evento anual.

-Chámanlle «Monrovia».

-Venme de cando estiven en Liberia. A capital é Monrovia, daí me quedou o alcume... e non me parece mal ningún.

-¿Como xurdiu a iniciativa de reunir aos retornados?

-Empezamos uns cantos... ou empezaron máis ben, porque os dous primeiros anos eu non fun. Empezaron a reunirse pola parte de Ourense. Eu organicei o Centro Gallego de Tun, que está a 27 quilómetros de Berna (...) e foron os socios de Tun os que empezaron con esta comida. Pode quedar algún por Suíza pero case toda esta xente se veu toda, polas circunstancias da vida ou porque quixeron volver á terra.

-¿Por que tivo que marchar vostede?, ¿estivo noutros países aparte de Suíza?

-Polas necesidades que tiñamos da peseta para comer. Naqueles tempos gañábase pouco. Foi por mediación de meu pai, que traballaba no muelle en Burela. Había un señor de San Cibrao que estaba en Libeira. Arreglei aquí e fun para aló. El non me recibiu. Fun no Domine, un barco mixto de pasaxeiros e de carga, con outro que estivera en Monrovia. Eu tiña 25 anos. Estiven case tres en Liberia e voltei a España porque aló non podiamos botar tanto tempo pois coa calor que facía nos derretiamos. Máis adiante volvín a Lagos e despois, con 33, marchei para Suíza.

-¿Levou consigo á familia?

-Sempre estiven eu so. A miña muller, Josefina Rolle, de Frexulfe, estivo cos fillos. É coma unha separación. Faremos as vodas de ouro o día 20 de decembro. Agora temos tres fillos, pero tivemos máis. Ningún deles tivo que emigrar. Atendéronse co que eu gañaba e mandaba para aquí.

-¿En que traballou estando no estranxeiro?

-En Suíza na construcción. En África non foi o que se di traballar, porque daquela os brancos íbamos para mandar aos negros. Era así. En Monrovia fixemos unha fábrica de cemento, outra textil e 184 quilómetros da vía do ferrocarril para as montañas da bauxita da que parte chega a Alúmina Aluminio.

-E abriu o centro galego en Tui, ¿como foi a historia?

-Ocorreuseme o do centro galego por un italiano. Traballabamos xuntos en sindicatos na construcción e na madeira. Díxome se non podiamos buscar un local municipal. Animoume e conseguimos un piso. Empezamos a traballar e a facer o local, con mostrador, puxemos bar, dábamos comidas, tivemos equipo de fútbol, conxunto de gaitas, un grupo que bailaba xotas e muiñeiras. Fomos indo pouco a pouco. Deume material a empresa na que traballaba. Abriu en setembro de 1974. Había moitos galegos en Tun. A min mandárame o contrato meu irmán, que xa estaba alí. Da parroquia de Frexulfe xa eran so 12... logo estaba a parroquia enteira. Para aló se foi indo a xuventude.

-¿Quedan galegos en Tun?

-Quedarán poucos xa. Eu penso volver a Suíza en xullo, onde teño un sobriño, un suízo máis. Foi aos 65 cando cando me volvín daló.

-¿De que tiñan morriña: da comida, a fala, costumes?

-Aló había grelos, pero non sabían coma os de aquí. Aínda temos levado grelos galegos para facer aló o cocido. Os nosos costumes eran os de Galicia. Falábase galego, a comida era galega, as bebidas viñan de España... ¡Claro que nos gustaba lembrar a terra! Aínda oio dicir a moitos «¿para que volvistes?». Hai xente da que quedou que non comprende o que é emigrar e descoñecen como era a vida en Suíza, aínda que para min foi levadeira. Aló gañábanse moitos cartos e atopábame ben cos suízos e na empresa.

-¿Que pensa facer cando vaia a Suíza este verán?

-Vou traer un trozo de terra para tirar na casa. Entre Galicia e Suíza noto poucas diferenzas... menos no inverno, que nevaba moito e conxelaba o chan. Lémbrome... no 72 aquelo era unha conxelación total porque traballabamos a 13 graos baixo cero.

-E agora que está xubilado, ¿a que dedica o tempo?

-Disfruto da xubilación... podería escribir un libro con todo o que vivín.