«Por primeira vez canto nun discurso que non é meu»

M. B.

SANTIAGO

A intérprete pon voz a Rosalía nun espectáculo multiartístico creado por Abe Rábade e Anxo Angueira

23 feb 2010 . Actualizado a las 20:32 h.

O espectáculo multiartístico Rosalía 21 conmemorará mañá, no Teatro Principal, a celebración do 173 aniversario do nacemento de Rosalía de Castro, mediante un recital da súa obra poética máis destacada sobre unha base musical exclusiva e composta en clave de jazz. O cuarteto do pianista Abe Rábade acompañará as voces de Guadi Galego e do poeta Anxo Angueira nun proxecto musical-literario nacido con motivo da Feira do Libro da Habana como espectáculo multimedia para presentar a unha das escritoras de Galicia por excelencia. O espectáculo susténtase no apartado musical na dirección de Abe Rábade, literariamente no poeta Anxo Angueira, e na voz da ex cantante de Berrogüetto Guadi Galego.

-¿Para vostede, que provén da música folk, non supuxo un gran esforzo adaptarse a un proxecto musical en clave de jazz?

-Moitísimo. Adaptarme ás melodías custoume, na medida que lle costa a unha cantante que non é de jazz. Pero Abe quería que cantara unha cantante que entendera a figura de Rosalía, que fose muller, que tivese acento galego e esas cousas. Pero claro que custou, porque non é o meu discurso. Eu fixen o que Abe me dixo que tiña que facer, porque non é un proxecto meu. Fixen, por primeira vez, de intérprete da música e as letras doutra persoa, nun discurso que non é o meu.

-De tódolos xeitos debe ser moi enriquecedor para unha voz que provén do folk poñer voz á poeta máis grande de Galicia acompañada por uns músicos de jazz da valía do cuarteto de jazz de Abe Rábade.

-Si. Mais para min o máis interesante de todo foi cantar a Rosalía, con esas palabras tan potentes, densas e reais no mundo actual.

-Teño entendido que a proposta poético-musical se completa con outros elementos escenográficos.

-Si. Hai unha proxección audiovisual na que participan escritores galegos.

-¿Á marxe de Rosalía 21, en que outros proxectos anda metida?

-Acabo de facer un disco, Benzón , o primeiro que fago soa. Estou moi contenta con este disco que non penso cantar en directo. É un disco que vai do local ao universal. Un disco feito por galegos e galegas que pretende conmemorar a universalidade da música desde a música de raíz.

-Un disco no que colaboran músicos de moi diversas tendencias.

-É un disco de arreglistas, a metade de música tradicional e a outra metade de autor. É moi ecléctico e bastante cohesionado, porque é acústico.

-¿Custoulle adaptarse a cantar sen grupo?

-Nada. A etapa de Berrogüetto acabara para min e decidín que a seguinte etapa ía ser máis tranquila.

-¿Como viven os músicos galegos este momento crítico?

-A nivel artístico non hai crise. Estamos a moi bo nivel musical. A crise nótase en que non hai respaldo administrativo.