Vilagarcía prepara para o próximo sábado, día 20, un concerto para os máis novos e unha feira alternativa
10 feb 2010 . Actualizado a las 18:43 h.Falo rock, escoito rock é o novo nome que Vilagarcía pensou para o festival que o ano pasado, na súa primeira edición, se chamou Entroirock. Con esta nova denominación, o Concello pretende «facer unha chamada á identificación do ámbito xuvenil co idioma galego», explicou onte o concelleiro de Cultura, Xosé Castro Ratón.
O edil, acompañado polas concelleiras de Promoción Económica e Turismo e de Xuventude, Rosa Abuín e Ana Lorenzo, presentou este acto, organizado polos tres departamentos municipais.
Ademais do cambio de nome, o festival amplía este ano o seu formato e mesturará música, mercado e zona de xogos. Neste sentido, haberá no recinto unha zona de exhibición de Guitar Hero e unha feira alternativa que abrirá ao público a partir das seis da tarde. Os concertos dos catro grupos participantes darán comezo ás dez da noite. A entrada para todo iso é de balde.
Riff Raff, «os fillos bastardos de AC/DC», son unha das propostas desta noite de sábado coa que Vilagarcía quere despedir o entroido. O grupo formouse a principio do ano 96 coa intención de facer un concerto de homenaxe a AC/DC. En principio esa sería a súa única actuación conxunta, pero seguiron, e ata hoxe.
A Sacho é outra das formacións que participarán neste festival, cunha proposta próxima ao rock de batea.
A aposta vilagarciá virá dada polo grupo Renegados del funk. Trátase dunha banda formada no movemento punk de pacotilla da Vilagarcía deste principio de século.
To Nowhere é o último dos catro grupos que animarán este festival, tamén cunha longa traxectoria de preto de quince anos.
Pola súa banda, o mercadiño alternativo está concibido coma unha zona para que diferentes colectivos poidan dar a coñecer e tamén vender os seus traballos. Mesturado con el haberá unha zona reservada para a última novidade musical dentro dos videoxogos, o Guitar Hero.
Esta iniciativa coincide e completa o Sábado inglés. Con estas dúas propostas o Concello de Vilagarcía intenta reforzar as ofertas do seu entroido.
A concelleira de Promoción Económica, Rosa Abuín, mostrou onte o seu desexo de que este festival sirva para enriquecer a programación festiva destes días e, sobre todo, para «difundir o nome de Vilagarcía», non só na comarca, senón incluso máis aló.
Mentras, Ana Lorenzo fixo fincapé no interese do Concello por organizar propostas para achegarse a toda a cidadanía. «Intentamos que este tipo de eventos comecen a media tarde para que todo o público se poida achegar», apuntou.
No acto de presentación deste concerto tamén estiveron presentes os representantes de Mulas Producións e do grupo A Sacho.