Xosé Lois García, escritor chantadino, especialista en arte medieval e en literaturas de lingua portuguesa Afincado en Cataluña desde hai case catro décadas, Xosé Lois García mantén un contacto permanente con Galicia e coa súa comarca nativa de Chantada. Unha das súas principais áreas de actividade é o estudio da simboloxía da arte románica da Ribeira Sacra, sobre a cal publicou recentemente un libro e ten outros dous en preparación. García tamén é un pioneiro na divulgación das culturas de expresión portuguesa. Nas últimas semanas presentou en Monforte e Lugo unha «Antologia da poesia brasileira», que continúa outros traballos similares dedicados ás literaturas dos países da África lusófona, un labor que lle valeu ser nomeado membro de honra da Unión de Escritores Angolanos. Actualmente prepara unha antoloxía dos poetas de Cabo Verde.
FRANCISCO ALBO