«O hospital terá os buses que fagan falla»
José Núñez Cores, xerente de Transportes José Núñez Barros SA Toda empresa ten a súa historia. A de Transportes José Núñez SA comezou nunha tenda rural de Cambados, alá polos difíciles anos 40. Complemento da súa actividade comercial, o avó de José Núñez Cores, actual xerente da compañía, levaba no seu vehículo ás pescas da localidade coa súa mercadoría ata os mercados da bisbarra. Unha veta que o fillo do tendeiro decidíu aproveitar pola súa conta, montando a súa propia firma de transportes, primeiro con Francisco Arenaz, e logo en solitario. Medio século despois, a empresa cambadesa factura uns 500 millóns de pesetas entre os seus negocios de pasaxeiros e loxística, que abranguen desde liñas convencionais ata viaxes turísticas por media europa, pasando pola distribución de productos varios por toda Galicia.