«O hospital terá os buses que fagan falla»

La Voz

AROUSA

José Núñez Cores, xerente de Transportes José Núñez Barros SA Toda empresa ten a súa historia. A de Transportes José Núñez SA comezou nunha tenda rural de Cambados, alá polos difíciles anos 40. Complemento da súa actividade comercial, o avó de José Núñez Cores, actual xerente da compañía, levaba no seu vehículo ás pescas da localidade coa súa mercadoría ata os mercados da bisbarra. Unha veta que o fillo do tendeiro decidíu aproveitar pola súa conta, montando a súa propia firma de transportes, primeiro con Francisco Arenaz, e logo en solitario. Medio século despois, a empresa cambadesa factura uns 500 millóns de pesetas entre os seus negocios de pasaxeiros e loxística, que abranguen desde liñas convencionais ata viaxes turísticas por media europa, pasando pola distribución de productos varios por toda Galicia.

30 dic 2000 . Actualizado a las 06:00 h.

PABLO PENEDO VILAGARCÍA «Cando o meu pai comezou coa empresa, cubrían o servicio ata Vigo e Santiago. Levaban a xente que ía vender legumes e peixe. Tamén levaban a estudiantes e a veciños que ían ó médico, e de volta traían productos para os almacéns e os comercios». Este era o panorama que José Núñez Cores atopou á súa chegado á firma do seu pai en 1958. - Moito cambiaron as cousas desde aqueles servicios mixtos dos anos 50. - Moitísimo. As necesidades que había naquela época non son as mesmas que as de agora. Hoxe coa globalización e a Europa comunitaria xa non hai distancias. - ¿Que servicios oferta hoxe Transportes Núñez? - Temos servicios de viaxeiros, loxística e mercadorías. No transporte por viaxeiros contamos coas liñas A Illa-Pontevedra, Tragove-Vilagarcía, Vilagarcía-Pontevedra e Pontevedra-Romai. Traballamos tamén o transporte turístico en Europa. En marzo mandamos autobuses a Austria, Alemania e Escandinavia, e desde alí prestamos servicio a grupos de turistas españois e sudamericanos ata outubro ou novembro. - ¿En que consiste a vosa oferta loxística? O noso servicio inclúe transporte, distribución, control de stocks... Cubrimos toda Galicia desde as nosas instalacións de Cambados e A Coruña. Tamén temos un servicio de transporte diario con Portugal, e ás veces saimos ó resto de España e Europa. Distribuimos desde aceites ata vidro, papel... Todo isto ademais do transporte xeral. - ¿Como lles afectou a suba dos prezos do combustible este ano? - O ano pasado renovamos catro autobuses, o ano que vén non sei os que poderemos renovar. O aumento dos combustibles come o teu patrimonio, ó ter un prezo de billete estipulado pola concesión que ti non podes cambiar. E cando as comisións de prezos che dan permiso para subilo, danche menos do que pides. Hai que cambia-lo sistema. Se a min me sube o gasóleo eu teño que actualizar automaticamente os prezos, non podo agardar a que mo autoricen, como agora. Co actual sistema o que se consigue é unha descapitalización progresiva das empresas. - En moitos lugares onde non hai competencia no transporte as empresas ven os pasaxeiros coma mercadoría... - O empresario que pense desa maneira non é empresario, é un burro. Nós temos que ve-los viaxeiros coma os nosos clientes. Canto mellor servicio lles vaia dar, máis clientes terei. Por iso, eu teño que da-la máxima calidade que poida. Que o viaxeiro vaia cómodo. - Vostedes teñen a línea Vilagarcía-Hospital. ¿Que previsións teñen para ela? - Agora pasan 14 servicios diarios por diante do acceso ó hospital. Estaremos á espectativa ata que o hospital comece a funcionar a pleno rendemento e vexámo-las necesidades que hai que cubrir. E se entón hai que poñer un coche cada 10 minutos, pois ponse.