«¡Ao mellor un día Nucha e Mucha marchan a traballar na casa!»

Por Sandra Faginas

SANTIAGO

Levan dez anos compartindo escenario e vestíndose das Cantareiras de Ardebullo, esa cosmovisión ao estilo Castroforte del Baralla, que permite que os galegos nos entendamos un pouco máis cada venres no «Luar» pero «o baixo e o alto», como son coñecidos na rúa, arrasan tamén noutros ámbitos da profesión

31 jul 2011 . Actualizado a las 18:12 h.

Coñécense desde nenos, son amigos, socios, e comparten escenario desde hai máis de dez anos, pero Marcos Pereiro e Xosé Antonio Touriñán seguen xogando a sorprenderse a diario especialmente cando se converten en Nucha e Mucha, ese dúo que arrasa en toda Galicia cada venres grazas a Luar. «É a única maneira de sobrevivirnos. Nós tamén buscamos a sorpresa, que a un lle faga graza o do outro, que sexa algo que non se espere, para ver por onde sae. Eu creo que é parte do éxito», di Touriñán. E nese sorprenderse ten moito que ver a ausencia de planificación, aproveitan calquera experiencia que xurda para abrirse a outros mundos onde potenciar a súa personalidade de cómicos, máis alá de Nucha e Mucha, que, con todo, sempre aparecen -mesmo ao longo da entrevista- para desdebuxar a Pereiro e Touriñán, «o baixo e o alto», como son coñecidos a pé de rúa.

-¿Hai vida despois de Nucha e Mucha?

-[Marcos Pereiro] Si, hai vida.

-[Xosé A. Touriñán] Por sorte, temos outros traballos e iso agradécese.

-¿Están cansos, porque «Luar» é unha vez á semana e xa levan varios anos?

-[X. T.] Si, é en directo, unha vez á semana. O resto dos días xa non somos Nucha e Mucha, aínda que hai que ensaiar, pero temos moita máis vida. Marcos vén de gravar unha película de Ignacio Vilar, eu estou con Land Róber, entón todo axuda a que non se converta en algo asfixiante.

-Antes da entrevista, alertáronme de que Touriñán é o «formal» e Pereiro, «o tecnolóxico». ¿A xente pensa que están rindo todo o día?

-[X. T.] Si, é verdade que todo o mundo espera ou que lle contes un chiste ou que sexas supersimpático.

-[M. P.] Ou que saias rindo nas fotos.

-[X. T.] É un traballo especial, pero eu creo que para facer humor non é necesario ser gracioso.

-Woody Allen di que non hai nada peor en comedia que intentar facerse o gracioso.

-[X. T.] Si, non sei, eu son bastante serio. E dentro dese punto formal do que falabas, a min daríame un pouco de medo desde fóra ver isto que nos está a suceder, se non fose porque nos colleu de sopetón. Todo foi moi relaxado, unha cousa foi traendo a outra.

-[M. P.] Nós empezamos de bares.

-[X. T.] Nucha e Mucha levan 10 anos. Empezamos por pasalo ben, a cousa foi medrando. Eu creo que nos primeiros seis anos non hai un guión escrito. Era cousa de estar subidos ao escenario falando, ¡e temos estado máis de dúas horas!

-Nin sequera tiñan nome.

-[X. T.] É que non o necesitabamos. Despois fomos As Cantareiras de Verdillo, pero cambiamos por motivos legais, porque existen de verdade. Foi todo unha coña, a primeira vez que nos vestimos como saímos hoxe no Luar viunos a nai de Marcos e dixo: «Ai, As Cantareiras de Verdillo», e quedou. ¡Naceu tan espontáneo!

-¿E como xurdiu Ardebullo?

-[M. P.] Cando o de Verdillo, empezamos a remexer nomes que soasen galegos, e ese pareceunos ben.

-[X. T.] Podería ser Codeseiro de Abaixo [risas].

-Vou facer unha confesión. Na familia do meu sogro, os irmáns son Mucha, Merche e Tucho. ¿Que nos pasa aos galegos co «ch»?

-[X. T. rindo] ¡E que ademais eu teño unha teoría: para triunfar como cómico necesitas o ch: Mucha e Nucha, os Tonechos, Moncho [Borrajo]...! O ch é básico para facer humor, pero ollo, estou seguro de que a día de hoxe fas unha enquisa e non saben quen é Mucha e quen Nucha.

-[M. P. rindo tamén] A nós chámannos de todo: Mucha, Nucha, Tucha, Trucha... Agora mesmo, antes de vir, un tomando un café díxome: «Así que ti es o de Trucha e Mucha» [risas].

-Pero como Tip e Coll, a xente di «o baixo e o alto».

-[M. P.] Si, pero iso explicouno ben un día Jorge Mira en Cifras e letras, como regra nemotécnica. Mucha é o grande, ten tres patas, o m. E Nucha é o baixo, dúas patas, o n.

-¿Canto hai de guión e canto de espontáneo?

-[M. P.] Ao principio non había guión, pero agora é imposible. Nós temos uns guionistas que traballan nunha base, e de aí nós improvisamos e facémolo noso, porque no escenario logo pasan cousas, o público non é sempre o mesmo, nin sequera en Luar.

-[X. T.] É un espectáculo vivo. Nós tamén buscamos sorprendernos. É un xogo, e eu creo que é a parte do éxito. Vese que ao mellor estamos improvisando, o que dis ti.

-Pero como dicía aquela en «Gran Hermano», entre vostedes ten que haber moita «simbiose».

-[X. T.] Moita, moita, e sobre todo traballando así, cun guión modificable.

-Pero traballando xuntos tanto tempo terán momentos Pimpinela.

-[X. T.] Non, temos bastante tempo para nós individualmente, aínda que é certo que tamén compartimos moitas cousas: somos socios nesta Sala The Star, somos socios na produtora, pero temos tempo para fóra. Temos amigos á parte. Non vivimos xuntos, nin somos noivos, nin nada diso [risas].

-Teñen un club de fans.

-[X. T.] Hai tres rapazas de Vigo que son as xefas do clan, é unha barbaridade, van a todas partes.

-Pero na Coruña, a pesar de ser ese contrapunto con Ardebullo, tamén, ¿eh? Mesmo nalgún sector pijo.

-[X. T.] Ai, pois eu non o sabía.

-[M. P.] Si, si. A min pasoume de ir pola rúa Real na Coruña e unha señora con abrigo de visón e uñas de porcelana paroume e púxose tola... [risas].

-¿Que me din desas críticas por esa ridiculización dos galegos?

-[X. T.] Eu evidentemente non estou de acordo, podes quedar nunha parodia do acento, pero se escoitas o que contamos a cousa xa cambia. Parodiar as cousas básicas da túa cultura é facela grande. Quizais o importante é que aínda hai quen se avergoña.

-[M. P.] Hai xente que di: tedes quefacer o humor inglés que é moito máis fino. Pero o humor inglés o único que fai é meterse con eles mesmos.

-[X. T.] Nós chegamos a moita xente porque partimos de referentes comúns. Todo o mundo ten unha Nucha e unha Mucha, todo o mundo ten aldea, aínda que viva nunha cidade, e estas tipas son un referente. Si hai unha ridiculización estética, ¡é comedia!, pero por falar falan de todo.

-De feito, ao final Nucha e Mucha están servindo para explicar un pouco o noso mundo, falando do códice, dos centros comerciais, da crise, o baile do suá suá...

-[X. T.] Intentamos que sexa así: cómo unha señora que vive na aldea, ou que vive na Coruña, ve este mundo. Como o roubo do códice. Ata agora, ¿quen narices sabía que era o Códice Calixtino? ¿Cantos galegos? [Risas]. Eu, que estudei Filoloxía Galega e tíveno que ler. [Risas]. Pero xa me dirás, e de súpeto esa conversa é cotiá, e dis ti: «¡Sen Códice Calixtino a ver agora onde imos os galegos!». E ademais todos os paisanos entenden de que vai: «Iso pódese vender no mercado negro», «Iso foi alguén que encargou o roubo»... Dicíame un amigo de Filoloxía: «Tanto rollo co Códice Calixtino, e o ano pasado saíu un facsímile de Xerais e non había colas nas librerías!».

-Como cando comentaron: «Na Coruña hai máis centros comerciais que habitantes. Co peso, calquera día pinza Galicia e suben os de Ourense». [Risas]. ¿A quen se lle ocorre iso?

-[X. T.] Eu creo que ese chiste xurdiu alí no escenario, seguro.

-[M. P.] E que calquera, aínda que vivas na Coruña, ve iso así. ¡É un desfase! E dentro das cantareiras, Mucha pode facer o comentario máis absurdo e Nucha é a cordura. E diría: «É necesario, créanse postos de traballo».

-Pero A Coruña é necesaria.

-[X. T.] Claro, nós somos da área metropolitana da Coruña e sempre o sentimos así. Pero iso despois tamén transcende coa xente doutros sitios. A xente de Vigo dinos: «Dádelles caña», ou mandan fotos das cantareiras con recortes do Celta, e digo eu: ¡se soubésedes que son socio do Dépor! [ja, ja]. Pero Mucha e Nucha son de Galicia. Mira, antes a xente de aldea cando ía a Coruña cambiaba ao castellano, e aínda hai, menos pero hai. Pero iso tamén son cousas que todos coñecemos. Non se ridiculiza a ninguén.

-Tamén Castelao facía caricatura do paisano galego e ninguén se escandaliza.

-[X. T.] Eu creo que quen o critica realmente ten un complexo. É como cando nos din que somos homes. ¡Claro que somos homes, vese ben!

-¿Nucha e Mucha poden desaparecer?

-[X. T.] Xa estamos metendo outros personaxes, ao mellor un día funcionan e Nucha e Mucha marchan a traballar na casa. Pero tamén dependemos da empresa que nos contrata.

-[M. P.] Quizais é tempo de cambiar.

-[X. T.] Levan tres anos ao pé da escaleira, pero o bo é que se nos pasa pola cabeza: ¡claro que poden desaparecer algún día!

Touriñán e Pereiro son fillos dos oitenta, o primeiro de 1980 e o segundo de 1981. Aínda que Pereiro naceu en Alemaña, séntese de Culleredo, de onde é Touriñán. Un é o alto (Touriñán) e outro o baixo (Pereiro), un é «querido piscis» (Touriñán) e o outro saxitario (Pereiro). Un ten barba (Pereiro), e o outro non. Touriñán é o «formal» e Pereiro «o tecnolóxico». Un está casado e ten unha filla (Touriñán) e o outro non. Son os dous de sempre: Nucha e Mucha.