As hipóteses básicas de Darwin son dúas: que todas as especies comparten un ancestral común e as diferenzas actuais son produto da acumulación progresiva de cambios ao longo das xeracións, e que o motor deste cambio é a acción da selección natural sobre da variación xenética. Consciente de que colidían frontalmente coa interpretación esencialista da natureza propia da civilización occidental, arraigada dende tempos de Platón e logo asumida polo cristianismo, investiu máis de vinte anos en xuntar canta evidencia puido na longa xestación de A orixe das especies.
Pero Darwin foi un adiantado ao seu tempo e, aínda que a comunidade científica non tardou en asumir a teoría evolutiva, a súa aceptación xeral viuse obstaculizada pola ausencia dunha base conceptual sólida que a sustentase. Non foi ata os anos trinta do século XX cando o traballo de matemáticos, xenetistas, naturalistas e paleontólogos, entre outros, cristalizou na síntese evolutiva, un corpo de coñecementos que sentou os fundamentos da bioloxía evolutiva moderna. Dende entón foinos posíbel identificar a molécula depositaria da información hereditaria, descifrar o seu código, e comprender como se xestiona dentro dos organismos. O desenvolvemento tecnolóxico dos últimos anos permitiunos a lectura íntegra do xenoma de varios centos de organismos, incluído o home. E agora incluso podemos estudar a grande escala os padróns de variación xenética nas poboacións. Esta variación é o substrato básico da selección natural e nela están as súas pegadas. Así, agora sabemos que, ademais de reubicar ao ser humano definitivamente entre o resto de seres vivos, a selección natural permite explicar fenómenos máis prosaicos, pero non por elo menos relevantes. De feito, o estudo da variación en humanos é unha ferramenta fundamental na investigación da base xenética de moitas enfermidades, e a selección natural está detrás da aparición de bacterias resistentes aos antibióticos, ou a adaptación das moscas aos insecticidas.