«Non imos para abaixo, senón todo o contrario»

C. R.

SOCIEDAD

09 mar 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

«Intentamos dar valor e dalgún xeito premiar a casas de turismo rural que se esforzan en aumentar a calidade do seu servizo e a aquelas nas que xa se pode facer a reserva por Internet». Así comeza a entrevista Jesús Pereira, director-xerente de Turgalicia e home que procede da universidade.

-Non todas as casas de turismo rural están cheas para Semana Santa. ¿Crise á vista?

-Penso que hai optimismo. ¿E por que? Porque o último exercicio foi bo no seu conxunto, e as cousas van máis ou menos en paralelo.

-Disque a Semana Santa vén algo adiantada.

-As posibilidades de éxito non están nunca aseguradas no mundo do turismo, pero están aí. Eu baséome nos datos. Logo, se a meteoroloxía axuda, pois moito mellor.

-¿A campaña electoral non deixará as vacacións nun segundo plano?

-Sempre hai condicionantes, pero o ano pasado, entre xaneiro e novembro, houbo un 7,30% de incremento de noites contratadas e un 9,46% máis de persoas aloxadas. Non hai ningún índice que diga que imos para abaixo, senón todo o contrario.

-Pero abriron casas por todas partes, e tantas que parece que a torta non chega para todas.

-Nalgunhas bisbarras, en efecto, é excesiva a oferta, pero iso non é extrapolable a todas as zonas do país. Así nos atopamos as cousas hai tres anos. Agora se deu un cambio, porque a Dirección Xeral de Turismo aposta por potenciar a oferta complementaria e incrementar a calidade dos servizos.

-Non existen as marcas agás Pazos de Galicia. ¿Non sería bo que a iniciativa privada crease algunha máis?

-Eu entendo que si.

-¿E elevaríase así o nivel de ocupación?

-O nivel de ocupación, en conxunto, non é moi elevado, e desexamos que sexa maior, por suposto. Pero tamén é certo que existe unha distorsión posto que non falamos de índices homoxéneos: a ocupación é notable nas casas do Camiño Francés ou da Ribeira Sacra, por exemplo.