O pemento de Herbón cotiza alto

SANTIAGO

O inicio da campaña en Padrón, marcado en xeral por unha menor cantidade de produto ca outros anos, fai que o prezo de venda do cento se sitúe nos 6 euros

28 may 2009 . Actualizado a las 11:29 h.

Última semana do mes de maio e xa é posible atopar a venda os auténticos pementos de Herbón. Os invernadoiros do famoso cultivo de Padrón xa están producindo aínda que, en xeral, en menor cantidade que outros anos por este tempo. Así o confirmou onte unha das pementeiras de Herbón, Otilia Seco Baleirón, que é a produtora número 10 da Sociedade Agraria de Transformación Pimerbón, da que é vogal. «Ata o de agora o tempo estivo algo frío, tanto as noites como as mañás, e o pemento quere calor, coma todo», asegura esta muller que, con 68 anos, recoñece que «traballa coma unha escrava».

Pese a que, polo de agora, hai menos cantidade ca outros anos, ela non se queixa. Outro produtor consultado onte engade, pola súa banda, que «a planta xa non arrancou ben», en alusión as temperaturas frescas das últimas semanas pero tamén ao mal tempo que tivo cando estivo nos semilleiros, antes de ir aos invernadoiros. Que o pemento está no comezo da campaña e, por tanto, que hai pouca cantidade o corrobora un dato: o prezo de venda, aínda que tamén é certo que xa baixou.

Onte, na praza de abastos de Padrón, era posible mercar un cento a 5 euros, un menos que o martes pasado, cando valía 6 euros. Nese mesmo posto de venda tamén hai pementos da competencia, neste caso de Vilagarcía e Cambados, a 3 euros o cento. En calquera caso, os produtores de Herbón agardan que as temperaturas «compoñan», en alusión a que suban, para que as plantas comecen a producir dentro do normal neste tempo xa que, como explica Otilia Seco, «canto máis calor, máis produto da a planta».

No seu caso, a plantación fíxoa entre finais de febreiro e comezos de marzo, a excepción do invernadoiro no que tivo plantada leituga. «Están bonitas, ¿verdade?», di a pementeira en referencia as plantas. Si que o están. Mesmo son un atractivo para as persoas que non se dedican ao cultivo e, por suposto, para o turismo.

O que tamén son é un «traballo moi escravo», «moi suxeito», como di o home de Otilia. Coma a maioría dos produtores de Herbón, teñen unha persoa (xornaleira) que lles axuda nos meses fortes. No seu caso, din que eses meses son agosto e setembro, cando a produción está ao máximo xa que as plantas ao aire libre tamén comezaron a producir.

De luxo

En canto a crise, ata o de agora Otilia di que non sabe se se vai notar aínda que se teme que así sexa xa que, como lembra, o pemento non é «un produto de primeira necesidade», senón un «artigo de luxo», como di o seu home. Para empezar, ela mesmo constata que no mercado ambulante de Padrón, o único ao que acude, non se vende tan facilmente ao prezo de 5 ou 6 euros e así o comprobou o domingo pasado.

Nestes momentos, o pemento de Otilia vai destinado aos restaurantes e supermercados de modo que os primeiros establecementos son os que máis os demandan. «Algún tamén vai para fóra», explica a pementeira en alusión a que hai persoas que o comprar para «facer un regalo».

A Sociedade Agraria de Transformación Pimerbón funciona como marca dende hai 40 anos e, nesta campaña, ten previsto producir unha media de 3.000 quilogramos de pementos (algo máis do dobre de centos) por cada un dos 52 socios que a integran na actualidade. A outra marca que comercializa os auténticos pementos de Herbón é A Pementeira, que saíu ao mercado por primeira vez o ano pasado e que agrupa a un total de 23 socios.