A orquesta Baobab reiniciará o ciclo de Sons da Diversidade no Auditorio de Galicia
29 ene 2009 . Actualizado a las 20:30 h.Eu non tiven unha granxa en África. Pero tiña un mapamundi feito para daltónicos no que cada país estaba incriblemente pintado segundo que imperio europeo o colonizara. O mapa era nostálxico ou desfasado que, no fondo, é a mesma cousa.
Senegal caía da parte francesa e quizais moita xente pense que o colonialismo francés foi tipo liberté, egalité ou fraternité, pero o certo é que en todos eses casos os franceses tiñan tendencia a considerarse iguais só entre eles.
Un dos grandes problemas de África é que todo o mundo a mitifica pero ninguén quere razoar. Mitificar achega as cousas sentimentalmente, pero as distancia moito desde o punto de vista da razón. Así que hai quen considera que África é o corazón da vida e hai con considera que é a vergoña do mundo. En calquera dos dous casos, metáforas que non axudan a entender o que sucede. Porque en África suceden as mesmas cousas que no resto do mundo, pero a unha escala peor. Todo o mundo quere entender que o continente é outra cousa. É o comezo de todo desentendemento, pensar que algo é outra cousa completamente diferente.
Se fosemos xulgar Senegal pola Orchestra Baobab pensariamos na potencia e na diversión. Estampas que non encaixan de todo con esa zona de África da que proveñen e da que só escoitamos miserias. No fondo, non é favorable pensar aos grupos africanos como se fosen de alí, como se estivesen marcados por algo que nos obriga, como europeos enrollados, a escoitalos. Como se escoitalos fose a compensación de toda canta parálise ten atado a Europa con respecto a África. Será mellor escoitalos como músicos e como hai motivos de sobra aínda teriamos tempo a pensar que quizais na música foi onde mellor se entenderon Occidente e África.
É verdade que os músicos europeos son un pouco displicentes cando se trata de recoñecer as influencias e que non lles gusta a etiqueta de músicas do mundo que lles poñen cando as africanías aparecen na súa obra. Para os músicos do continente que chamaban negro a mestura é máis natural porque aínda non se perdeu esa distancia xerárquica que Europa marca en case todas as relacións. Pero aos músicos de alá tampouco lles importa moito.
Baobab é unha orquestra. Unha das de verdade. Para un galego medio, dos que foron ás verbenas, o seu sonido non será de todo alleo. Porque pesa neles aquela cousa afrocubana, pachanguera e caribeña que alimentou tantas madrugadas diante dos palcos. E mentres baila case todo mundo é bo, é quen non nótaselle.