Todo o mundo sinte as varillas

La Voz

SANTIAGO

09 oct 2008 . Actualizado a las 12:28 h.

Penso que xa o sabíamos: eramos todos marionetas do neoliberalismo e da exquisita maneira con que foi tratado polo estado socialdemócrata. Mirábamos para outro lado, pero case todo o mundo podía sentir as varillas no lombo, os fíos que tiraban das mans e o innomeable da luva asomando por debaixo da cintura. Seguen aí, pero todo o malo é darse conta.

Temos moito que aprender dos títeres porque é certo que a forza motriz das marionetas depende do seu manipulador, pero hai algo que as empuxa a rebelarse. Agora podería poñerme estupendo e dicir que esa enerxía contra quen manipula é a ilusión, pero sería unha concesión á melancolía e ao bonitismo. A ficción tamén é utilizada polo neoliberalismo: a ilusión do benestar sen ir máis lonxe.

Os monicreques, como todas as cousas intelixentes, teñen dobre lectura: dun lado son capaces de humanizarse, de capitalizar as sensacións que producen as historias, de contar mellor que os contadores. Isto é estupendo para quen quere permanecer na inxenuidade ou para quen non quere romper o engado da ficción. Por outra parte os títeres nunca ocultan a súa condición ficcional: non xogan ao teatro verité, nin simulan pertencer á circunstancia real do espectador. Están sempre dentro do espectáculo, están sempre de portas adentro do carromato. Iso é estupendo para os desencantados, para os optimistas do pesimismo e para quen renunciara a encontrar sentido na cultura. Hai unha terceira vantaxe. Os títeres nunca presumen da súa calidade intelectual, nin precisan de arriscadas teorías para o seu funcionamento. Son ou non son e parece alternativa suficiente. Isto é estupendo para case todo o mundo.

As marionetas están feitas da mesma materia que os humanos: de máis ficción que outra cousa e seguramente por iso resulta tan fácil identificarse con elas. Esta é a semana de Galicreques e das tropecentas funcións que permiten cambiar de historia sen cambiar case de rúa. É unha facilidade que non deberiamos desprezar porque, en contra do que din os titulares máis grandes destas últimas semanas, xa levamos uns anos en crise, en varias crises cruzadas pero só a menor delas é económica.

Tampouco é que os monicreques teñan a solución. Eles fan o que poden nos seus teatriños, facendo esgrima contra o aire, escondendo as súas limitacións de prisioneiros.

Non nos teñen que dar a solución, pero saben que a solución sempre está en nós. E os títeres non menten.