«Compostela gañou en todo, é unha cidade e antes era unha aldea grande»

Concha Pino

SANTIAGO

Este médico de familia con consulta en Tras Salomé mira cara atrás en positivo e lembra que nos anos do franquismo «había moito medo e moitas gañas de non telo»

03 may 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

A Julio Fernández Pintos gústalle a súa cidade. Asegura que Compostela «gañou en todos os sentidos, está ben como está, porque antes era unha aldeíña grande. Non lamento nada do que se perdeu, porque o tempo pasa a muda as cousas. Gustaríame que medrara máis e sinto que se deslabazara tanto, que a xente se fora vivir fóra. Mira para aí, a alegría e a cor que hai por todas partes (dío mirando unha terraza da Porta Faxeira), o pensamento liberal de hoxe en día é extraordinario».

Este médico xubilado hai tan só uns oito anos tenlle unha querenza especial ao entorno do Cantón do Toural, «porque nacín na praza de Fuenterrabía e logo vivín moitos anos en Tras Salomé. Agora vivo en Xeneral Pardiñas, enriba dun comercio no que hai un barullo tremendo, con tanta xente entrando e saíndo que semella un enxamio de abellas». Esta zona da cidade vella foi a súa paisaxe infantil e da mocidade, porque súa nai abriu na rúa das Orfas Novedades Carmiña, á fronte da que continúa hoxe o seu fillo, despois de que a guerra arruinase á familia. Conta sen nostalxia que seu pai montara o lendario Bar Galicia na esquina da praza do mesmo nome, onde hoxe está o Banco Santander, no ano 1930, «cando a Senra era o corazón de Santiago, porque alí paraban todos os autobuses e era unha milleira de xente a que había, sobre todo polas mañás, cando chegaban os coches de liña e ían os mozos dos hoteis voceando os nomes en busca de hóspedes». Pero no ano 35 decidiron vender o bar «gañando moitísimos cartos, moitos, que meteron no banco pensando vivir de rendas, pero veu a Guerra Civil e quedaron sen nada. Así que miña nai, que andara de moza polas feiras vendendo teas, retomou o negocio e montaron a tenda».

Julio Fernández estudou medicina e sendo aínda estudante empezou a traballar de axudante de Domingo García-Sabell. «Traballei con el entre o 54 e o 62, eu e Alfonso Varela Durán, que nos fixemos tan amigos que chegamos a ser como irmáns». Asegura que foi unha aprendizaxe estupenda, «unha axudantía moi boa, porque aprendíamos moito indo dun lado para outro sen ter responsabilidade e tomando boa nota do que había que facer». Explica que os médicos daquela «os que estaban arriba», funcionaban «cunha xenerosidade moi grande, e traballar con García-Sabell era un privilexio, porque debía ser o número un en Galicia e incluso de España. Pero dende que se meteu en política perdeu moitísimo. O del era a medicina e tería sido un gran catedrático». Julio independizouse no 62, «cando casei e cando a medicina empezou a evolucionar, porque ate o 59 era como no século pasado, a base de moito ollo clínico e moita sorte». E non tentou sequera entrar na Seguridade Social, «porque non me gustaba como era, era o último ao que recorría a xente, non coma hoxe».