«Os que lemos somos unha minoría porque ninguén ten tempo»

L. R. V.

SANTIAGO

05 sep 2007 . Actualizado a las 02:00 h.

Ler é un hábito que require tempo e atención, pero que unha vez que se ten, é imposible deixalo. De isto está convencido Francisco Cillero Montes, encargado da biblioteca do centro sociocultural de Vite e membro do clube de lectura. Fai sete anos que se dedica aos libros, e hoxe víveo coa mesma paixón que no comezo. -¿Len de abondo os santiagueses? -Non, os que lemos somos unha minoría. Na sociedade moderna ninguén ten tempo para ler, imos todos con moita presa cara non se sabe moi ben onde. Iso si, a xente que adquire a costume é moi fiel. -¿Cando xurdiu o clube de lectura? -No 2003, cos inicios do centro sociocultural de Fontiñas. A idea tivémola os encargados das bibliotecas dos centros e o animador de Fontiñas. Naceu para atraer aos adultos e tivo éxito. -¿Cómo é a dinámica? -Reunímonos tódolos mércores en Fontiñas. Dende setembro a xuño procuramos ler un libro ao mes, e cada semana comentámolo. Se teñen versión cinematográfica, tamén vemos as películas. Eu, sempre antes de comezar cun libro novo, fago un dosier con información. Somos seis membros fixos, pero ás veces súmanse outros. Lemos libros en galego e castelán, e conseguímolos na biblioteca. -¿Facedes actividades especiais? -Paseos e máis. Temos un blog na páxina web www.santiagocultural.org, no que todos podedes participar.