Deixei chantado a Mariño e, na compaña de Tito, lisquei cara o sanatorio Alonso-Pimentel, no cruzamento da Ronda coa rúa do Bispo Aguirre. Era un pequeno centro privado, rexentado polos herdeiros do poeta Luis Pimentel, a onde acudía a xente ben de Lugo. Ata en cuestións de saúde a seudoaristocracia local tiña costume propios: se hai que morrer nun hospital, que sexa pagando. Os recursos médicos neste e noutros centros da cidade eran máis ben escasos, polo que, no caso de ingresar por causa grave, a morte estaba asegurada. Pero, iso si, a decoración e o ambiente eran inmellorables para un pasamento como Deus manda, case en familia.
Lola estaba nunha das elegantes salas de espera do sanatorio acompañada por unha das criadas que traballaban na súa casa. Un lixeiro sorriso rompeu a tensión da súa cara cando me acheguei para darlle un bico. Sabendo o que sabía da súa vida con Pancho, non me estrañou a frialdade coa que me explicou o que sucedera.
Rematada a festa regresaron a casa e, logo de conseguir que Alicia se durmise, ela marchou para a cama. Pancho quedou no salón bebendo whisky e fumando puros dunha caixa que, ese mesmo día, lle regalara o seu amigo Xoán Cruz Raposo. Contra as seis da mañá, Lola ergueuse para ir ao baño e, cando non veu o seu home na cama, foi ata o salón. Alí seguía Pancho, durmindo na cadeira de brazos e cun puro apagado entre os dedos.
Volveu para a cama ata que, arredor das doce, Alicia espertouna dicindo que o seu pai facía uns ruídos moi estraños. Lola, asustada segundo dixo, foi correndo ata o salón e, tal e como dixera a pequena, notou a anormal respiración de Pancho. Fixouse tamén no lixeiro ton mourado que tiñan a cara e as mans do seu marido. Intentou espertalo e, como non o conseguiu, chamou a unha ambulancia. Mentres chegaba baixou para pedir a Anxos e a Tito que se fixesen cargo de Alicia e que me localizasen.
Quería quedar con Lola, pero ela insistiu en que prefería que fose buscar a Alicia e a levase a pasear e a comer unha pizza. A nena, coma sempre, recibiume con moitísima alegría e obrigounos a Tito e a min a unirnos á partida de parchís que andaba a xogar con Anxos.
Rematado o xogo, saímos na compaña de Tito e Anxos, que ían cumprir co ritual da ruta dos viños, e dirixímonos cara ao parque. Atopábame feliz con Alicia e tiña un pouco de mala conciencia por non estar preocupado, non polo baldrocas de Pancho, senón por Lola. Supuña, ademais, que a esas alturas ela estaría aturando a un incontable número de indesexables desfilando polo sanatorio para interesarse polo estado de saúde do seu home.
Alicia non tiña ningún interese por arrandearse e preferiu que paseásemos e, lle contase, por enésima vez, algunhas das historias da miña nenez no parque: cando caera de cabeza no estanque dos patos; o día no que estiven agochado dúas horas debaixo dun banco, aterrorizado polos foguetes das festas do San Froilán, a miña fuxida da caseta dos gardas logo de ser «detido» por subir a unha árbore; a busca de ovos e niños... A medida que ía repetindo aquelas historias tiña máis claro que, por moito que o quixese negar, as miñas raíces máis fondas e entrañables atopábanse en Lugo.
Estáballe mostrando a Alicia unha matagueira de loureiro na que todas as primaveras aniñaba un paporrubio cando me chamou Lola: Pancho estaba gravísimo e había que trasladalo con urxencia a Santiago. Ofrecinme a acompañala. «Non te preocupes. Queda coa nena, que xa me leva Vilariño», dixo. «¿Que Vilariño?... O Cíclope?». «Si, o Cíclope».