Rafael Laso, o enxeñeiro ourensán afincado en Vigo que no 2005 sorprendeu ao mundo literario coa obra Por que Baldomero Quintáns? volverá á Xinzo de Limia, a terra que o viu nacer hai 43 anos, nas próximas semanas. O motivo é a presentación da que xa é a a súa cuarta novela no mercado O trasmundo de Antioquía .
-Esta claro que a súa terra natal segue a estar presente na súa obra.
-Nesta ademais de xeito especial, porque non é só o título, ou algunha referencia puntual, é que nesta toda a acción transcorre por completo nunha zoa xeográfica concreta: a lagoa, ou o que queda dela, ou por mellor dicir, debaixo dela, onde eu imaxino un mundo fantástico no que topamos dende a Décimo Xuño Bruto ata a Gaspar Melchor de Jovellanos, pasando por un cartógrafo do século XVIII, xunto cos malvados Paeles , que son as pantasmas das augas escuras do Lethes, as ánimas e unha morea máis de personaxes. É unha mestura entre persoeiros históricos, lendas como a da cidade de Antioquía, e moita imaxinación para crear ese submundo onde seguen vivindo eses personaxes.
-¿Cando comezou a traballar nela?
-En realidade cando publiquei no 2005 a de Baldomero Quintáns xa tiña dous capítulos escritos, que se conservan respectados tal cual agora na novela, pero foi a raíz de que chegou ás miñas mans un mapa real, do cartógrafo Tomás López de 1784, e eu que o primeiro que fago é buscar sempre Xinzo, vin un detalle que me sorprendeu: aparece localizado un Jinzo, escrito con jota, e un pouquiño máis aló outro, pero escrito Ginzo, e iso deume pé a elucubrar coa idea dos dous mundos, un enriba e outro abaixo.
-Duascentas páxinas e un final aberto, ¿haberá segunda parte?
-Non creo, en principio non está feito con esa intención. O remate é o que saíu. Pero nunca se sabe. É curioso porque teño amigos que andan dende hai tempo presionándome para outra aventura do detective Baldomero Quintáns, incluso me dan ideas, pero sempre lles digo o mesmo, porque eu escribo a historia que me sae, sen pensar nesa posibilidade de continuar.
-¿Non se plantexa entón deixar a súa profesión e dedicarse á literatura a tempo completo?
-Non, para nada. A literatura é para min un entretemento e só aspiro a que á xente lle guste o que escribo e que disfrute, pero son consciente das miñas limitacións. E tamén hai que ser realista e escribindo en galego, cousa que fago porque amo a miña lingua, o mercado é moi limitado e de feito salvo algúns escritores excepcionais como hai na nosa terra, é complexo poder vivir só desto. Pero non nego que me gustaría.