O libro de Reigosa tamén recolle personaxes galegos do Nadal, como Xan Fiz, o Pandigueiro ou o Apalpador. Este último volve protagonizar un libro de Xoán G., O Apalpador e a castaña máxica (Biblos), así como a historia Apalpador vs. Papá Noel, de Fernando M. Cimadevila e con ilustracións de José Ángel Ares, coa que a editora Contos Estraños estrea a súa colección Contos estraños para nenos friquis. Aquí o Apalpador, coa súa amiga Noa e o elfo Din-Don, tentará acabar cos plans dun maléfico Papá Noel.
Pola súa banda, Galaxia vén de publicar un novo disco-libro do grupo musical Mamá Cabra, desta vez con tema desta Nadal: Xa me tardan estes Magos. Coas ilustracións de Kristina Sabaite, este traballo recolle cancións sobre poemas de escritores como Antón Cortizas, Gloria Sánchez e Antonio García Teijeiro, concibidas para esperar con ilusión a chegada dos Reis de Oriente.