Antonio Reigosa estuda os rituais da festividade e a súa relación co país
24 dic 2011 . Actualizado a las 06:00 h.O Nadal centra diversas novidades literarias das editoriais galegas, con achegas que van dende o estudo e divulgación das súas vertentes ritual e mítica ata a recuperación de personaxes como o Apalpador e discos sobre os Reis Magos.
Xerais publicou o libro de Antonio Reigosa, con ilustracións de Noemí López, Trece noites, trece lúas, que propón unha visión panorámica do fenómeno do Nadal, nas súas dimensións como lenda, antropolóxica, gastronómica e festiva. O título fai referencia ao tempo comprendido entre o nacemento de Cristo e a Epifanía, un tempo dacabalo entre dous ciclos, un que morre e outro que empeza, e, polo tanto, un tempo de nacemento e renovación.
Neste percorrido antropolóxico polo Nadal hai moito espazo para as formulacións galegas desta celebración. «Na cultura popular, os mecanismos de interpretación e fixación dun fenómeno estendido consistiron en achegalo ao seu entorno xeográfico», explica Reigosa. Así, un exemplo clásico son os relatos que narran o paso da Sagrada Familia por Galicia na súa fuxida a Exipto; o libro recolle varias versións. «É moi curioso como en Galicia as referencias a cidades asolagadas manteñen unha forte simbiose coa fuxida a Exipto», engade Reigosa.
No gastronómico, os preceptos da vixilia e a súa boa conservación consagraron o bacallau, mentres que o capón era a única carne permitida na mesa porque o Concilio de Aquisgrán do 817 fixo do galo castrado unha excepción.