Vigo acolleu a xornada final do congreso «Mil e un Cunqueiros» no seu centenario

Luís Pousa Rodríguez
LUÍS POUSA REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

02 oct 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Coa glosa da dimensión galega e internacional de Álvaro Cunqueiro e da súa relación coa cultura anglófona a cargo do lingüista da Universidade de Oxford John Rutherford, pechouse onte en Vigo o congreso Mil e un Cunqueiros, organizado polo Consello da Cultura Galega e as tres universidades da comunidade. «Era obrigado vir a Vigo, porque a Vigo está unido o nome do escritor, que aquí creou boa parte da súa obra literaria e xornalística», afirmou Ramón Villares, presidente do consello.

As catro xornadas que durou o encontro (dúas delas en Santiago, unha na Coruña e a de onte en Vigo) permitiron revisar e achegar novas miradas ao legado do autor mindoniense, «necesitado dunha boa edición crítica da súa obra completa», a xuízo de Rutherford. Este centrou a súa intervención nos coñecementos que doutras linguas, especialmente a inglesa, tiña Cunqueiro, o que lle permitiu coñecer a fondo a obra de Shakespeare, «que claramente lle influíu, e que admiraba pola universalidade do seu teatro».

Esta derradeira xornada congresual comezou cunha conferencia do vigués Alberto Moreiras, xefe do departamento de Estudos Hispánicos da Universidade de Texas, que reflexionou sobre o tema Cunqueiro e o fetichismo sentimental. A continuación, nunha mesa redonda na que participaron César Morán, María Xesús Lama e Carlos Martínez, analizáronse Os outros mundos de Cunqueiro.