«O mellor de...» de La Voz ofrece unha antoloxía da obra de López Ferreiro
CULTURA
Entrégase hoxe co xornal xunto ao sétimo volume de «A historia da literatura galega», por só 1,95 euros
26 jun 2010 . Actualizado a las 11:05 h.A colección O mellor de... de La Voz, que cada sábado reciben os lectores conxuntamente co correspondente volume de A historia da literatura galega por tan só 1,95 euros ao mercar o xornal, chega esta semana ao sétimo volume para abordar a figura histórica de Antonio López Ferreiro e para explicarnos, de maneira sucinta e amena, a importante etapa dos ilustrados galegos.
Segundo resume María Eva Ocampo Vigo, que firma a escolma, na introdución do libro, «Antonio López Ferreiro (Compostela, 1837-Vedra, 1910) foi un eclesiástico extremadamente culto para o seu tempo; cóengo da catedral de Santiago de Compostela, ademais de ser un destacado novelista desempeñou traballos de historiador, arqueólogo, arquiveiro e bibliotecario, profesor e un gran impulsor do movemento rexionalista en Galicia».
Día das Letras Galegas
López Ferreiro, a quen a Real Academia Galega dedicou o Día das Letras Galegas no ano 1978 para homenaxear o seu inxente labor a prol da nosa cultura, foi un polifacético intelectual que realizou un papel destacado na descuberta das reliquias do apóstolo Santiago e que completou máis de cincuenta obras á volta de temas como o priscilianismo ou os foros galegos, desenvolvendo tamén un intenso traballo na revista compostelá Galicia histórica (1901-1903) que realizaba practicamente el só. A súa paixón pola historia está reflectida tamén na súa obra literaria. Numerosas descricións de monumentos e comentarios históricos así como citas de documentos non publicados aos que tiña acceso como arquiveiro forman parte das súas novelas históricas nas que, ademais, se marca a finalidade de consolidar, a través da escrita literaria, un conxunto de valores que sirvan como base na construción da consciencia histórica do ser galego.
Pero se hai unha obra que singularice o traballo de López Ferreiro para a posteridade é a Historia de la Santa A. M. Iglesias de Santiago de Compostela (Santiago 1898-1911) en once volumes. Atopábase realizando a corrección do último dos tomos desta magna obra cando lle chegou a morte en Vedra (Vilanova) o 20 de marzo do ano 1910.
O libro que os lectores de La Voz poderán mercar mañá ofrece unha excelente mostra dos traballos literarios de López Ferreiro que se concreta en diversos capítulos das súas tres novelas máis coñecidas: A tecedeira de Bonaval, O Castelo de Pambre e O niño de pombas .
Ademais, o volume complétase coa cronoloxía biográfica do autor, a súa bibliografía e unha selección de diferentes libros aos que poden recorrer os interesados en profundizar na figura e no traballo desta figura clave da cultura galega.
E polo que respecta á entrega de A historia da literatura galega desta semana, aborda o peso das ideas da Ilustración en Galicia, que aínda que foron defendidas por unha minoría de persoas, maniféstanse con forza na segunda metade do século XVIII xerando un destacado esplendor cultural.