Só «Matalobos» resiste a unanimidade que provouco nos académicos galegos a película de Monzón
17 abr 2010 . Actualizado a las 00:56 h.Non había suspense no resultado. A presenza de Celda 211 e de Luís Tosar nos premios Mestre Mateo marcaron a edición celebrada na noite de onte en Narón. A disputa entre Padre Casares e Matalobos, unha disputa entre irmáns, resolveuse como nas familias. Gañou o menor. Pero case non lle deixan sitio. Celda 211 foi protagonizando todas as categorías ata chegar case á monopolización. Tosar dixo ao recoller o premio como actor «sentirse moi orgulloso de ser de aquí e de ser desta profesión».
No xogo entre presentadores que onte marcou a gala estaba clara a homenaxe que a Televisión de Galicia ía recibir da profesión, pero esa homenaxe foise convertendo non ben comezou a gala nunha homenaxe a Celda 211 de maneira que nas primeiras categorías comezou a destacar. So Matalobos, con tres premios capeou o temporal de Celda. Os integrantes da equipa de rodaxe da película de Vaca Films foron desfilando con regularidade polo escenario do Pazo de Cultura de Narón, con Luís Tosar á cabeza. Xa tivo que saír antes de tempo para recoller o premio ao mellor guión. A pesar de que a produtora galega da película, Emma Lustres, prometeu non chorar non máis comezar a gala, foille difícil manter o tipo porque os premios non lle foron dando moita tregua. Non lle deu tregua de maneira que cando chegou o premio á mellor dirección Daniel Monzón, que non podía estar na cerimonia por problemas familiares, agradeceu o premio polo teléfono móbil. Con barullo de fondo incluído. Un barrullo, pero en esta ocasión de aplausos que acompañou ao premio a Luís Zahera polo seu papel en Celda 211, o actor asegurou que xa «me gustaría recibir un premio por facer de normal, pero está visto que non pode ser».
Aínda que o comezo foi lento para como foi o final para a longametraxe que tamén gañou os Goya, unha vez que se puxo en marcha a maquinaria os académicos galegos do audiovisual tampouco quixeron levar a contraria a outros certames e foi confirmando en case todas as categorías esta película de ámbito carcelario que conseguiu fuxir das limitacións habituais das taquillas.
A unanimidade non foi para todos posto que na categoría de mellor curta de animación había catro candidatos, pero un gañador non era suficiente e dúas curtas foron as que saíron gañadoras O elixido e Coser e cantar. Non foi a única sorpresa da noite en canto ao empate de dúas producións nunha categoría. Aconteceu de novo con a serie de ficción, saíron Matalobos e O Nordés. Houbo algún que outro paradoxo na gala porque os catro programas nominados para mellor programa de televisión xa non están na grella de programación da Televisión de Galicia, tampouco o gañador, Onda Curta, forma parte da programación actual da canle autonómica e por iso os responsables do programa especializado en emitir curtametraxes sinalaron que non quedaban programas específicos nin para as curtas nin para a música. Sorpresa levouna tamén Piti Sanz cando gañou o premio como mellor música orixinal, tanta sorpresa que repetiu que «este ano non mereciamos este premio, moitas grazas pero este ano non nos tocaba».
Mentres Celda 211 aseguraba o seu monopolio da unanimidade como hai anos que non se vía nos galardóns do audiovisual galego, Enrique Banet lembraba a necesidade do «compromiso co país», lembrando que en «Galicia non só hai problemas coa lingua porque tamén temos problemas coa desaparición do Courel ou a contaminación da ría de Ferrol». Banet sinalou que o sector audiovisual debía «demostrar o seu compromiso co país» ao tempo que sinalou a «deficiencia na formación para o sector en Galicia». Apuntou a idea de que quen coma el «defende a biodiversidade estamos sempre na oposición e somos deostados». Pediu unha televisión pública «libre, sen censura e profesionalizada». A lingua galega formou parte do argumentario de quen foron subindo a recoller. Mesmo na intervención de Xosé Ramón Gayoso resumindo 25 anos da TVG.