É mellor bailar sen prexuízos

Camilo Franco

CULTURA

25 oct 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

Rut Balbís e Quique Peón proceden de espazos diferentes da danza que semellan destinados a confluír. Ela estreará espectáculo esta mesma semana, mentres que el aínda hai pouco que comezou a andaina da súa primeira montaxe fóra do tradicional. Coinciden en que a paisaxe da danza en Galicia tornou algo máis tépeda nos últimos tempos e consideran que bailar debería estar moito máis presente nos centros educativos do que o está a ximnasia.

-Pregunta. ¿Aínda quedan prexuízos sobre a danza?

-Rut Balbís. Creo que imos ter posturas diferentes nós os dous. Se hai prexuízos teñen que ver co descoñecemento. Non é culpa da xente e quizais os espectadores poderían ter máis vontade de probar como proban outras cousas. Pero seguramente pensan que non teñen ferramentas ou que non van entender, cando en realidade non ten nada que ver con iso.

-Quique Peón. A miña experiencia é case a contraria porque eu son bailarín tradicional, aínda que o meu espectáculo teña unha concepción contemporánea. O prexuízo si existe contra o tradicional porque moita xente pensa que é unha ghaiteirada e creo que é un problema tan grave como a negación dun mesmo. En Galicia antigamente bailaba todo o mundo porque quen non o facía tiña que aguantar as chaquetas. Nos últimos sesenta anos isto deu a volta completamente e parece que aos galegos nos custa traballo movernos. A danza é a primeira das belas artes; antes de falar, a especie xa bailaba.

-P. Incluso temos mala fama polo mundo adiante...

-Q.?P. Igual non se moven ben bailando salsa... pero no noso...

-R.?B. Aí está... É un tópico.

-Q.?P. Teño visto xente de fóra que baila moi ben a salsa que pasa moitos apuros para bailar o noso.

-R.?B. Creo que cando se fala de danza tamén hai unha concepción algo estancada sobre os ritmos latinos, como se fosen o non vai máis do movemento.

-P. Pero baile e danza son a mesma cousa, ¿ou queren dicir cousas diferentes?

-Q.?P. Na cultura tradicional facíase a diferenza. A danza era unha coreografía que se ensaiaba para un día sinalado: a danza de espadas, a danza de paos; o baile era algo que se facía de maneira espontánea, como divertimento. Agora a danza engloba todo en xeral, digamos a danza escénica, parece que danza é o que facemos os profesionais no escenario e baile é o que fai a xente nas verbenas ou nas discotecas. Creo que neste sentido o baile non cambiou e segue tendo as mesmas funcións.

-R.?B. Hai unha confusión ao respecto e quizais quen está máis iniciado utiliza danza, e quen menos utiliza baile. Pero penso que non é moi importante como se chame. Polo menos a min iso non me preocupa moito. Sobre todo porque non creo que a xente deixe de ir por iso.

-P. Pero pode suceder que a danza teña algúns problemas de comunicación cos espectadores, sobre todo a contemporánea, porque sempre se explica con termos moi abstractos, como se todo estivese moi intelectualizado.

-R.?B. Eu creo que pecamos...

-Q.?P. Sucede que está mal prantexado. Cando tes que pedir unha axuda para un espectáculo debes presentar unha sinopse dun espectáculo que está aínda por facer. Ti pos que vai ser neno, pero logo comezas a traballar e sae nena. Así que cando esa creación chega aos teatros e aos programas a xente pensa que non coincide ou que son explicacións raras. Pero o asunto é que non se poden pedir explicacións por adiantado para algo que se vai crear. Con todo e para repartir creo que se peca un pouco de intelectualización porque entra un pouco dentro do xogo da arte contemporánea.

-R.?B. Tamén pasa que os coreógrafos falamos pouco do proceso de creación das obras, cando seguramente na explicación de como imos traballando hai cousas máis sinxelas e máis atractivas para o espectador. Xusto por iso considero que se están facendo ensaios abertos para que non quede ese oco entre nós e os espectadores. Aos bailaríns nos custa falar.

-Q.?P. A danza é máis difícil de explicar que o teatro. En teatro tes un autor e un argumento, pero en danza non hai nada. Tes que crealo ti todo e tamén explicalo.

-P. Igual non farían falta tantas explicacións...

-R.?B. O bonito é que cada un pode ter a súa e a do coreógrafo non ten que ser a principal. Neste sentido si que penso que a xente podería participar máis e non sentirse un pouco amedrentada por se vai a entender ou por se pode dicir que lle gustou ou non. Pero tamén pasa que igual algunhas cousas da danza resultan difíciles de explicar...

-Q.?P. Eu creo que si. Que hai cousas que facemos que teñen difícil tradución en frases, pero igual é que non había que explicalas, chega con que a xente as mire.