O catedrático de francés e tradutor Henrique Harguindey recompila as referencias a Galicia na literatura francesa
09 ago 2009 . Actualizado a las 02:00 h.Henrique Harguindey, aparte de ser catedrático de francés nun instituto, ten unha consolidada traxectoria como tradutor. Da súa pluma saíron as versións galegas de obras francófonas de todos os xéneros datadas entre os séculos XIII e XXI, e dende hai 30 anos chamáballe a atención toda referencia que aparecía sobre Galicia nas obras que pasaba ao seu idioma. Comezou a acariciar a idea de facer un traballo en perspectiva sobre a visión que de Galicia se dá na literatura francesa dos últimos 10 séculos, e hai cousa de 5 anos Harguindey decidiu que era o momento de concretar tan ambicioso proxecto. O resultado é La Galice: dez séculos de olladas francesas , unha obra breve pero profunda sobre a imaxe que teñen de Galicia en Francia dende o século XIII ata a actualidade, a través de moi variados textos literarios.
A primeira noticia que teñen de Galicia no país galo aparece na Chanson de Roland , relacionada tanto co mito de Carlomagno como cun acontecemento capital no futuro do sur de Europa: o achado, real ou mítico, do sepulcro do Apóstolo Santiago. O propio autor comenta a visión que de Galicia se tiña na Europa da época, tal e como mostra o poema épico de Roldán: «Galicia era o baluarte da civilización cristiá fronte ao Islam, Galiza é o nome que lle dan ao territorio non ocupado, fronte á Hispania dos mouros».
Esta situación de último bastión de resistencia da península Ibérica fronte o avance do Islam creou outra figura mítica, a do Rei de Galicia, que as crónicas da época sitúan na liñaxe de Carlomagno. Outro lendario persoeiro cunha estreita relación con Galicia, o bispo herexe Prisciliano, chegou á literatura francesa contemporánea da man do galego Ramón Chao e a súa obra Priscillen de Compostele . Pero o gran personaxe galego desta época é o camiño, e del xorde unha das historias de amor máis populares do Medievo, escrita en francés e titulada Flores e Blancaflor . Ademais, a ruta xacobea aparece tamén en multitude de obras como medio de expiación e castigo dos «malos» dos romances.
No século XIX, Galicia (coma o resto de España) sufriu dúas invasións dende Francia: a de Napoleón, en 1808, e a dos 100.000 Fillos de San Luís, que restaurou o absolutismo en 1823 tras un breve trienio liberal. Antes da invasión napoleónica, o cónsul francés na Coruña Charles-Louis de Fourcroy escribiu o informe Ollada sobre Galicia , onde destacaba as industrias da pesca e o liño e a importancia da migración a América xa neses anos. Da ocupación francesa tamén atopou Harguindey múltiples testemuños, pero deulle más importancia aos da outra invasión, a menos coñecida, a dos 100.000 fillos de San Luís. Os realistas franceses sitiaron A Coruña, que era defendida polo xeneral Quiroga, e segundo o relato da brigada francesa sobre o que traballou o autor, quedaron asombrados pola fidelidade liberal dos españois. Incluso houbo desercións nos invasores, que pasaron a pelexar cos constitucionalistas baixo a bandeira tricolor da desaparecida República francesa.
Un episodio ben coñecido sobre a presenza galega na literatura gala é a visita do Nautilus do capitán Nemo á ría de Vigo para buscar o tesouro da batalla de Rande. Este enfrontamento naval tivo unha gran repercusión en Europa, e as lendas sobre a extraordinaria fortuna que agochaban os galeóns afundidos chegou ata os nosos días tras pasar pola prodixiosa mente de Xulio Verne. Pero, como explica o propio Harguindey con moi bo xuízo, «parece que, alí abaixo, pouco debe haber...».
E outro episodio, desta banda ben pouco coñecido pola poboación en xeral, é a visita de Alberto de Mónaco, fundador do Instituto Oceanográfico Francés, e polo tanto, antecesor de Jacques Cousteau ademais de avó do actual príncipe monegasco. Alberto Grimaldi pasou polo país en 1887 para investigar a pesca da sardiña en Galicia, e publicou o estudio resultante na revista Revue Scientifique de París, alabando dun modo moi entusiasta o método pesqueiro galaico baseado na non sobreexplotación dos recursos mariños. O autor sorpréndese ao atopar, xa hai un lote de anos, unha alegación a prol do desenvolvemento sostible de tan glamurosa orixe.
. No século pasado as referencias a Galicia van dende os reclamos turísticos a outro acontecemento ibérico de gran transcendencia en Europa: a Guerra Civil española. Unha novela do galardoado autor André Sernin leva por título O capitán galego, protagonizada por Álvaro Coristanco, un namorado da liberdade de inequívoca orixe que tras pelexar pola República, remata na Resistencia francesa para combater aos nazis. Harguindey matiza que, cos detalles que dá o autor da novela sobre o sitio de Madrid, as súas fontes deben ser ben directas, polo que non se desbota que se trate dun personaxe real.
E xa no novo século, o mundo volveu a mirar para Galicia no ano 2002. O Prestige encheu as praias de fuel óleo e os periódicos de tinta, e dende Francia chegou o coñecido periodista bretón Regis Le Sommier, que fixo unha comprometida reportaxe para a revista Paris Match.