A primeira relación que o ser humano ten co mundo é a través da escoita. Ademais, hai estudos que din que as derradeiras células que se desconectan do corpo no momento da morte son precisamente as do oído. E ao longo da vida, este órgano non descansa: nin sequera durmindo se deixa de escoitar.
Os membros de Escoitar.org pregúntanse, como explica o seu coordinador Chiu Longinas, por qué «sendo o oído tan importante na nosa vida, foi sempre relegado a un segundo plano fronte á vista».
Escoitar.org trata de devolverlle o protagonismo que merece: presentaron o seu proxecto artístico antropolóxico onte, dentro do programa maccInspira do Mercado Atlántico de Creación Contemporánea, celebrado en Tenerife durante esta fin de semana.
Longinas e mais os seus compañeiros de batalla, Berio Molina, Horacio González, Juan-Gil, Julio Gómez e Carlos Suárez, entre outros, percorren festivais e exposicións ensinando a aqueles que queiran escoitar o seu punto de vista, ou mellor dito, de oído. Na súa web (www.escoitar.org) pódese atopar o imaxinario sonoro que están creando co ánimo de que os sons característicos non se cheguen a extinguir. Por exemplo, un dos seus traballos máis recentes consistiu no rexistro da sirena da mina La Camocha en Xixón. Esta foi a derradeira vez que soou, antes de que a mina fose pechada, a finais do ano pasado. Tamén en Xixón, presentaron a principios de abril o proxecto No Tours, unha idea que consistía en incorporar ás guías GPS historias da vida do barrio contadas polos propios habitantes, xunto con outras pezas de audio. O grupo estuda desenvolver esta iniciativa proximamente en Santiago de Compostela.
Escoitar.org tamén realizou traballos noutros países, un deles nunha exposición colectiva en Alemaña ou no Festival Interefence en Holanda, onde fixeron unha instalación dobre na que incluían a lectura dun manifesto contra as armas acústicas dos exércitos occidentais.
Xa publicaron un libro, Audio-hackLAB. Agora, preparan o segundo e continúan achegando as súas paisaxes sonoras aos oíntes. Un deles confesaba no foro da web: «Escoitando, lembrei o que non atopaba na memoria».