Sabela:  «Estar calada nunca foi o meu forte»

YES

aigi boga

Non renega de «OT» -tampouco das súas raíces e moito menos do seu idioma-, non agocha as súas fontes de inspiración, nin disimula as súas dores. Sabela é cen por cen honestidade. E por fin fixo o disco que quería facer. O que se debía a si mesma.

11 may 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Chegou un momento no que acadar a final de Operación Triunfo non era sinónimo nin garantía de nada. Nin sequera de despertar certo interese. E nesas estabamos cando no 2018 unha rapaza de Ourol, que por entón tiña 25 anos, fixo que levantásemos a mirada e procurásemos atención ao que alí estaba a acontecer. Por algo, a priori, tan natural e sinxelo como cantar no seu idioma. Como manobra de persuasión, tería sido fantástica. Xa lles houbera gustado a varios deses expertos na mercadotecnia musical tela ideado. Pero non. Non tiña nada que ver con iso. E Sabela Ramil encárgase a cada paso de demostralo. O máis importante, o que ven de dar hai unhas semanas coa publicación do seu segundo disco. Ceniza, titúlase. Unha ducia de cancións nas que, como ela mesma apunta, «explora a perda, a morte e a vida, a nostalxia e a esperanza».

Ceniza é o segundo álbum da Sabela artista pero é o primeiro de Sabela Ramil. O primeiro no que se amosa como realmente é, afastándose dos lugares comúns polos que transitan a maioría das artistas da súa xeración. Un disco complexo, de mirada profunda, que transita por moitos estados de ánimo pero no que finalmente se impón a luz, as gañas de vivir, de bailar, de sentir, de amar. Un disco de pop. Si, así, sen máis aderezos. Un traballo no que ademais de exercer como compositora e intérprete, asumiu labores de produción.

As credenciais están enriba da mesa. O que soa é o que hai. E non é pouco. Ao contrario. E moito máis do que se nos adoita ofrecer acotío. Agora, que pase o que teña que pasar. Pero xa coñecemos a Sabela en estado puro. E é un pracer.

—Onde cres que é onde se notan os principais cambios respecto ao teu anterior disco?

—Diríache que en todo. Este é un disco absolutamente persoal en canto a sonoridade e a temáticas. Creo que marca unha identidade bastante forte.

—E onde te ubicas no mercado?

—Esa é unha pregunta que me fago a miúdo. Hoxe en día as fronteiras entre estilos están máis difusas. Agora mesmo todo o mundo está xogando con todo. É unha boa época para non definirse. Eu, obviamente, bebo moito do pop, pero tamén teño a miña vena que ven do clásico. Por iso a veces hai arranxos que soan como raros.

—Dalgún xeito, poderíase dicir que es unha adiantada. As artistas da túa xeración, que hai tres ou catro anos estaban facendo reguetón puro e duro, agora están basculando cara o pop.

—Eu non me considero pioneira de nada, pero son das que pensan que se ti fas o teu traballo dende a naturalidade e a honestidade, ao final marcas un camiño.

—Cando saíches de «Operación Triunfo» non tiraches pola senda máis doada, que era a de facer urbano ou latino.

—Eu cando saín de OT pareime a pensar «como quero estar presente na música, que quero facer?». Eu tiña claro que quería ter a miña identidade. Cadrase ou non co que se escoitaba nese momento. E a partir de aí, vas surfeando e intentando sempre ofrecer algo diferente. Tendo en conta o difícil que é ser orixinal hoxe en día. Eu dediqueime a explorar esa vertente. E aínda me queda moito por explorar.

—Da a sensación de que ti non es das que adoitan escoller o camiño máis doado.

—Non. E a veces enfádome comigo mesma por iso.

—Houbo algún momento no tránsito entre o primeiro e o segundo disco no que se che pasara pola cabeza tirar a toalla e abandonar?

—Si, a verdade é que si. É que..., a ver, a realidade é a que é. Todos ansiamos vivir, polo menos unha parte da nosa vida, en paz e tranquilos. Pero tamén todos temos que comer e pagar o aluguer. Supoño que ás veces é un erro dos propios artistas, que o vemos todo como moi ideal. E para nada é así. É moi de oficio e de estar aí metida horas e horas. Eu saquei o primeiro disco e aos tres meses chegou a pandemia. Por enriba, meu pai tivo unha enfermidade, non puido con ela e morreu... Entón, buff, eran tantas cousas coas que lidar que si que cheguei a pensar en deixar a música. Polo menos a nivel de público. Porque eu coa música vou convivir sempre. Non sei facer... Bueno, si. Si que sei facer outras cousas, pero é que isto gústame moito.

—Que foi o que che impulsou a tirar cara adiante?

—Unha das cousas foi que sentía que mo debía a min mesma. Co outro disco foi todo moi rápido. E eu quería facer un disco máis persoal, no que estivera mais implicada a nivel musical e emocional. E entón dicíame «pero tía, non o vas acabar?». Empezar algo e non rematalo é unha cousa que sempre me deu moitísima rabia. Así que funme desfacendo de todas as presións que sentía e un día dixen «veña, si, fágoo. Fágoo ao meu ritmo, que saia cando teña que saír, e listo».

—Cando saíu o disco creaches unha playlist en Spotify cos músicos que te inspiraron para facelo: Florence and The Machine, The Blaze, James Blake, Zahara, Lana del Rey, Massive Attack, Baiuca, Vanessa de Mata... Non é frecuente que unha artista recoñeza tan abertamente as súas influencias.

—A min non me resulta raro recoñecer que me inspiro nesta ou en aquela outra persoa. Ao final é o que facemos sempre. Na música e en todo. Inspirámonos mutuamente e despois cada un lle engade todo o que ten ao seu redor, que é o que o fai diferente. É imposible escoitar música e que non che influencie. A min non me da pudor recoñecelo.

—No disco hai dous temas en galego. ¿Son as cancións as que escollen o idioma ou é o idioma o que determina as cancións?

—Non son capaz de racionalizar iso. A min sáeme de forma natural. Eu compoño moito improvisando e en función das melodías que me xurdan..., lévanme a un idioma ou a outro. Non sei quen escolle a quen.

—Foi moi comentado, e aplaudido, o feito de escolleras unha canción en galego para cantar na final de «OT». Hai sempre algo de reivindicación cando utilizas o idioma?

—Si, cen por cen. Cando estou facendo un disco non penso teño que facer tantas cancións en galego e tantas en castelán, porque o que prima é a música. Pero eu sempre compoño en galego. Así que algunha vai estar, si ou si. Ademais, parécenme un valor engadido. É algo que non o perderei nunca.

—Dis que fixeches este disco porque cho debías a ti mesma. Que máis te debes?

—Uf! Agora mesmo, unha xira. Que levo moitísimo tempo sen poder actuar dunha forma continuada.

—E que che deben a ti?

—Non considero que me deban nada. Para min, con que a miña música chegue ás persoas é suficiente. Eu o único que pido é que me dean a oportunidade para escoitarme.

—A túa edición de «OT» foi unha das máis frutíferas. De alí saíron Natalia Lacunza, Alba Reche, Miki Núñez, ti...

—Si, eu considero que tiven moita sorte. Sobre todo a nivel do grupo que se creou alí. A día de hoxe, catro das miñas mellores amigas son compañeiras de OT.

—Outra rareza. Co paso do tempo case todos os «triunfitos» renegan do seu paso pola Academia e intentan desmarcase dese pasado.

—Pois eu non. Para nada. Grazas a OT din un paso adiante para dedicarme a música, que era o que máis quería. A mellor, se non houbera pasado pola Academia, hoxe seguiría traballando como terapeuta musical.

—Abandonaches por completo a musicoterapia ou segues exercendo?

—Fago algunha cousiña puntual, porque neste momento o meu traballo non é compatible con levar un proceso terapéutico continuado. Pero non a quero deixar de todo porque encántame esa parte de min.

—Unha rareza máis Igual que moitos artistas renegan de «OT», hai tamén un bo feixe deles que botan pestes de Twitter. Ti, sen embargo, dis que che gusta porque é moi espontáneo.

—Depende de a quen sigas e do que poñas. Eu antes rayábame moito máis polo tema das redes, pero aprendín a relativizalas. E mira que a min, en determinados momentos, déronme ben.

—Teste mollado en temas como a defensa do galego, da ecoloxía, do medio rural...

—Xa, o que pasa tamén é que hoxe calquera debate lévase ao extremo e vese xa como polémica. Pero si, estar calada nunca foi o meu forte [ri].