Lucía Casal: «O 60 % das baixas dos profes son pola voz»

TEXTO: MARÍA VIDAL

YES

Sandra Alonso

Asegura que perder a voz afecta ao benestar emocional, por iso a súa formulación, que lle valeu un recoñecemento extraordinario da súa tese, aposta por unha educación vocal desde a infancia

18 jul 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Lucía Casal de la Fuente (Santiago, 1986) vén de doutorarse cum laude na USC cunha tese sobre a necesidade de acceso universal á educación vocal e do canto.

-A primeira tese defendida por Internet na facultade de Ciencias da Educación da USC. Isto non estaba previsto, non?

-Non, tívena que preparar unha vez que se declarou o estado de alarma e a miña defensa presencial foi cancelada. Tivo que vir unha pandemia para que a universidade se modernizase, cando as defensas en liña xa levan tempo funcionando noutros países. Foi estraño, porque nunca me imaxinei que ía defender en zapatillas e dende a casa, soa nunha cuarto.

-«Boas prácticas psicopedagóxicas para a educación vocal e do canto na infancia», é unha reivindicación para que sexa máis accesible?

-Si, máis democrática, máis equitativa, porque hoxe en día se queres acceder a unha educación vocal de calidade se es neno dependes de que a túa familia che poida pagar unhas clases. Moitos colexios non teñen unha educación vocal e de canto asegurada, porque tamén se dá a realidade de que moitos profes son especialistas en instrumentos pero non en voz, e dificulta que se poida acceder a esta educación cun mínimo de calidade.

-É unha cuestión de saúde.

-Eu entendo este tipo de educación dende o punto de vista da saúde, é dicir, o tema da voz está esquecido, é unha ferramenta que calquera profesional necesita, porén os plans de estudo universitarios para ser profesor non garanten esa formación en educación vocal, xa non cantada, senón para garantir a súa ferramenta de traballo, que é a voz. Evidentemente, hai que ter coñecemento de didáctica, de metodoloxía, de desenvolvemento infantil, pero sen unha voz sa non podes traballar. Na USC, por exemplo, temos unha materia que é Educación vocal para docentes, que non é obrigatoria, co cal te podes titular sen ter uns coñecementos mínimos sobre voz. Despois ocorre que se meten a exercer e aos tres meses están de baixa porque quedan afónicos. O 60 % das baixas son por problemas de voz.

-Dis de apostar pola accesibilidade. A vía sería integrala dentro do programa educativo?

-Si, ou ofrecer actividades extraescolares gratuítas nos colexios. Ás veces tes un coro gratuíto pero ao mellor fai probas de acceso, e un neno que non veña dunha familia musical igual nunca cantou na súa vida, e non quere dicir que non teña potencialidades, senón que o seu contexto non é musical, non todo o mundo ten o mesmo. Eu non veño dunha familia de músicos, foi a min que me entrou ese gusanillo e empecei a formarme. Hai nenos que se teñen oportunidades para potenciar esas habilidades, poden acabar vivindo da música.

-Os beneficios da educación musical son moi grandes?

-Sobre todo está moi estudado no ámbito das neurociencias. Hai estudos do Canadá e os EUA que confirmaron a través de resonancias magnéticas que cando cantamos esas ondas que se xeran estimulan as nosas neuronas. Eu estudei esta cuestión en Italia cunha cantoterapeuta que facía intervencións en residencias de anciáns. Estudaba como persoas con demencia non recordaban o nome dos fillos, e investigando que cancións soaban naquel entón e cantándoas se producía un efecto, non sei se máxico, porque isto ten que investigarse máis, pero si que hai conexión entre as cancións que nós cantabamos coa reactivación da memoria e a recuperación de certos datos que parecían estar perdidos. É algo impresionante, hai que velo para crelo.

-A túa proposta materializouse nun proxecto concreto: Voces Ledas.

-Eu quería levar a Galicia as aprendizaxes que vivín tanto na Arxentina como en Inglaterra. Esta investigación foi financiada con diñeiro público e varias bolsas de entidades privadas, e sentía ese compromiso de facer algo de retorno en Galicia. Cando volvín puxen en práctica este proxecto piloto xuntando ideas que aprendín e outras propias, quería probar ese modelo de educación vocal e de canto. Fíxose no colexio López Ferreiro de Santiago de Compostela. Quixen trasladar esa idea dun equipo multidisciplinario para atender necesidades educativas; contei con Miro Moreira, director do Orfeón Terra Nosa e o especialista que temos de canto na USC, coa cantante Mariola González e eu como coordinadora, ademais da profesora de música Diana Capelo.