Monti Castiñeiras: «Cando me miro ó espello digo: Este tipo con barba, quen é?»

Natalia Vázquez Giao

YES

PACO RODRÍGUEZ

Nunca se sabe o que che pode cambiar a vida. Un cliente do quiosco familiar abriulle as portas á interpretación. Falamos con el das súas experiencias, da súa bagaxe e do disfrute e amizades na pantalla. Nós coñecémolo polo seu papel de Santos en «Serramoura».

27 ago 2017 . Actualizado a las 17:55 h.

Ser actor non é cousa doada. Require disciplina, estudo, manexo de técnicas actorais e mil detalles que seguramente nin imaxinamos. Chegar lonxe é un camiño que non calquera pode alcanzar e moitas veces che cambia a vida por completo. Ramón Castiñeiras Rodríguez, santiagués de 53 anos, leva na profesión máis de trinta. Os comezos non foron sinxelos, descubriu a súa paixón pola interpretación e foi más forte que a dos estudos universitarios que comezara. Agora coa súa veteranía ás costas fala do seu percorrido, do desfrute do seu traballo, das amizades e dos novos proxectos vindeiros.

-De onde ven o teu apodo Monti?

-Púxomo unha prima de pequeno porque non lle gustaban os nomes típicos. Ela era moi fan de Montgomery Clift e Monty era o séu diminutivo. Nunca ninguén me chamou Ramón. Se mo chaman cústame darme conta que é por min. No cole chamábanme polo apelido: Casti, que Castiñerias é moi longo.

-Como é o teu día a día?

-Non fago nada excepcional [risos]. Os actores non temos uns horarios fixos coma os demais e non traballamos todos os días. En Serramoura tocaba madrugar, porque entramos ás oito e ás sete hai que estar maquillándose. Non sei por que cada vez esperto máis cedo, será cuestión dos biorritmos. Se non estou traballando, estudo os guions. Polo demais, érgome, almorzo potente -froita, té e algo salgado como unhas torradas ou galletas-, miro as redes sociais, as noticias e se teño ganas vou ao ximnasio. Se non, sempre hai que facer na casa, limpar e os labores propios. Pola noite gústame quedar na casa vendo películas ou series. Non é que saia moito pero apetece estar na casa á noite.

-Es activo nas redes sociais?

-Vai por tempadas, pero creo que na nosa profesión canto máis te mostres, mellor; se non, non existes. É un condimento máis no traballo. Por iso me gusta ser activo. Nas emisións de Serramoura é moi divertido: temos unha lexión de fans estupenda. Ás veces é un pouco obrigado contestarlles, pero que menos xa que fan o esforzo. Grazas a eles estamos traballando.

-Tes unha gran bagaxe ás costas. Como foron os primeiros cástings?

-O ‘non’ sempre é maioritario. A min custábame moito ir ao principio polos nervios, ata que alguén me dixo: «Mira, toma unha pastillita destas marabillosas que hai para quitar o nervio do estómago», e ata que o fixen non fun tranquilo. Agora xa non as tomo dende hai moitos anos, pero aínda para os máis expertos é unha situación realmente complicada. Sabes que estás sendo xulgado e esa sensación non é agradable.

-Cales foron os teus inicios?

-Foi no teatro por casualidade. Na miña idea non estaba ser actor. Hai moitos anos, meus pais tiñan un quiosco e por alí viña a comprar a prensa un home que tiña unha compañía de teatro. Un día díxome: «Oes, a ti apeteceríache probar? Tes cara de que che pode gustar». Probei e aquí me tes.

-Entón, que era o que tiñas en mente daquela?

-Empecei a estudar Filoloxía Inglesa, gustábanme moito os idiomas. Pero decepcionoume bastante a universidade e en segundo deixeino, que foi cando empecei a facer teatro. Tamén tiven un parón, unha mestura de crise laboral e emocional [risos]. Retomei a universidade e matriculeime en Maxisterio. Cando estaba acabando púxenme a facer dobraxe e deixeina. Do que vivo case funtamentalmente é da dobraxe, porque o audiovisual é máis irregular. Levo facendo dobraxe moito tempo.

-Desfrutas do teu traballo?

-Si, claro que si porque este é un traballo que elixes. Non sempre a xente traballa no que quere, no que lle gusta, ou no que elixe. O cen por cento da xente que traballa nisto é porque quere e porque lle gusta. Nunca encontrei a ninguén que fose actor por obligación. O sentido lúdico perdémolo en canto pasamos os 12 ou 13 anos, pero a todo o mundo lle gusta xogar. É moi divertido porque actuar é unha maneira de xogar. O que pasa é que non todo o mundo pode. Pero ás veces tamén se pasa mal [risos].

-Boas e malas experiencias?

-As máis graciosas son as tomas falsas, cando metemos a pata e morremos coa risa. En Serramoura temos moitas. As peores son as rodaxes con inclemencias meteorolóxicas, que desas teño tido bastantes. Na de Sicixia, a película de Ignacio Vilar, rodamos nuns espacios naturais preciosos pero de difícil acceso, e con choiva, vento, frío, e cargando nós co noso propio material.

-Xurdiron boas amizades nos tres anos de rodaxe de «Serramoura»?

-Se non somos íntimos, a maioría somos moi bos colegas e querémonos moito. Para o funcionamento dunha serie é fundamental. Parece que non, pero gravas doutra maneira. Empezas cun sorriso polas mañás con xente que che dá abrazos, bicos, e iso é fantástico. Despois de tres anos gravando os lazos fanse máis fortes.

-E con Susana Sampedro? Por que lle encanta aos espectadores a vosa parella e o cambio de actitude de Santos?

-Xa a coñecía de antes pero agora coñézoa máis. Fai un papel impresionante. Isto é un segredo, non llo digas a ela [risos], pero Susana tiña medo de que o público pensase que ía sustituir a Marga e que non a aceptasen. Eu díxenlle: «Espera, espera». Despois vimos que funcionaba como un tiro. A xente namorouse dela como non podía ser doutra maneira.

-E de vós como parella na serie, non?

-Ela xa estaba un pouco namorada de min. É facil que se namoren deste personaxe porque é simpático e ten esa retranca moi nosa. Ademais teñen uns diálogos fantásticos. Ao chegar esta muller, o personaxe de Santos vai cambiando e a xente está descolocada. Non imaxinaban velo namorado. O que queda por ver vai a estar moi interesante.

-Nunha entrevista de hai tres anos, ao comezo de «Serramoura», dixeches que polas mañás che asustaba ver a túa nova imaxe. O sigues pensando?

-[Risos] Agora pásame igual, sigo sen acostumarme á barba. Cando me miraba no espello dicía: «Este tipo con barbas, quen é? Por favor!». Agora teño outro look: perilla, peinado para atrás e tinguido. Xa non sei se volverei ser igual outra vez. O cambio é impactante porque ningunha das dúas é a que levaba habitualmente. Pero dentro de min sígome vendo con aquela barbiña de catro días e o pelo máis longo. Pero é a pinta que tes que levar e tes que vivir con ela. Hai pouco atopeime a un amigo pola rúa que había moito tempo que non vía e tíveno que chamar dúas veces porque mirou para min e non sabía quen era [risos].

-Canto ten Monti Castiñeiras do personaxe de Santos?

-Así a bote pronto non ten nada, porque claro, eu non teño nada que ver con Santos, pero no fondo todos temos un pouco varias personalidades, partes boas e partes malas; algunhas persoas o sacan dunha maneira e outros doutra. Todos somos bos e malos nalgún momento. Sempre hai algo de un no personaxe, na forma de crealo; se fose outro actor faríao doutra maneira. Pero nas características do personaxe que che dan ao principio dunha serie, eu non me atopaba para nada identificado con este home.

-Tes soños pendentes?

-Bueno, xa traballei con Almodóvar, entón agora.... [risos].

-Pensaches na posibilidade de traballar no estranxeiro?

-Esas cousas non se descartan. Levo facendo cástings en inglés máis de dous anos. Pode haber aí un proxectiño en inglés para setembro, a ver se se confirma. Estaría encantado. Falar inglés hoxe en día é fundamental para un actor. É unha porta máis para traballar.

-Cal é o teu lugar favorito en Galicia?

-A montaña non porque non me gusta moito escalar. Gústame a praia pero me cansa un pouco. Se non tivese area ao mellor me gustaba máis. Tomo o sol na terraza e non se me manchan os pes. Non teño piscina, pero teño unha mangueira aquí no xardín para cando planto os tomates e para cando fai moita calor botala por riba [risos]. Se puidese coller vacacións iría ao Caribe por iso de asegurar a temperatura, aínda que me gusta moito Galicia. Estes días libres estiven por Barbanza, por Aguiño e por Leira.