Francisco Castro: «Eu reivindico a figura do cantor que ten algo que contar»
VIGO CIUDAD
O exdirector de Galaxia presenta en Vigo o disco «Cantos de amor e revolución»
29 ene 2026 . Actualizado a las 15:50 h.O escritor, músico e editor Francisco Castro presenta hoxe ás 20.30 horas, no Vitruvia Café (Reconquista, 7), o seu segundo disco, un elepé titulado Cantos de amor e revolución. O artista de Teis estará acompañado polos músicos Valerio Araújo e Chus Dasilva.
—Como é este disco?
—Son nove cancións que gravitan ao redor do amor e a revolución. O amor está máis agudizado que no anterior traballo. Ademais, hai unha actitude de crítica contestataria diante de moitas cousas que están pasando e que non me gustan. Opto por recuperar un concepto que moita xente considera que está trasnoitado, pero que visto o que nos está ofrecendo Trump e compañía, temos que reivindicar, é o concepto de revolución para avanzar cara un mundo máis humano.
—Formalmente, como o definiría?
—A diferenza co anterior, este é moito máis delicado. Non pode evitar ser un fillo do rock and roll, pero si que quixen facer un disco con aires máis acústicos. É un disco gravado en vivo no que os músicos estivémonos vendo as caras. Ademais, metín eu as guitarras e quedei moi satisfeito.
—É máis músico agora?
—Sen dúbida. Sempre teño un pouco o síndrome do impostor, pero, despois de 27 libros, tamén me pasa coa literatura. Creo que é bo ir con actitude de humildade. Si, me sinto agora moito máis músico, sabendo que teño moito que aprender e mellorar.
—Como lle foi o pasado ano como músico?
—A experiencia foi espectacular. Foron 49 concertos, algo que non podía imaxinar hai dous anos e medio cando decidín dar este paso. Estou contento coa recepción da miña proposta musical.
—Que lle dá o escenario?
—Un feedback marabilloso porque hai un aplauso cada tres minutos. A diferenza coa literatura, que é un exercicio moi solitario no que tardas moito en saber si á xente lle gustou ou non, no escenario hai un sentimento comunal, estás tocando para quen está aí. Hai esa electricidade da comunicación automática, non hai finximento, a xente conecta ou non, e o sabes nun minuto e medio da primeira canción.
—Como vai ser o concerto de presentación do disco?
—Tocar en Vigo sempre é especial, pero é que estas cancións supoñen un salto na miña traxectoria musical, breve, pero moi intensa. Son cancións que seguen tendo unha importancia crucial na letra, pero que musicalmente son moito máis rotundas. A xente vai ver un concerto moi honesto dun artista que sube ao escenario para comunicarse e dar os seus cantos de amor e revolución. Eu quero reivindicar ao cantor, ao señor que colle unha guitarra e di algo a través da música. Eu reivindico a figurado do cantor que sube a un escenario e ten algo que contar.
—Ao mesmo tempo que canta segue escribindo. Como fai?
—Eu son un escritor e un músico profesional, teño esa sorte. Érgome, almorzo e acendo o ordenador, e as tardes as dedico á creación da música.