Laura Cid gaña o premio Quiñoi de álbum ilustrado

La Voz A ESTRADA / LA VOZ

VIGO CIUDAD

cedida

12 abr 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Tenrura, humor e perspicacia entretecidos á perfección a través do texto e da imaxe. Estas foron algunhas das calidades que o xurado do premio del álbum ilustrado Alberte Quiñoi destacou da obra galardoada nesta terceira edición. Laura Cid Rascado (Vigo, 1999) foi a gañadora desta nova convocatoria con Maruchi e o gancho.

Para elaborar a historia, Cid Rascado inspirouse nunha familiar súa, Maruchi. Tomando como base os propios trazos da súa parente, a autora dálle vida a unha personaxe cunha gran afección polo gancho. Porén, a súa paixón por esta técnica convive co carácter «algo despistado» da protagonista. A autora emprega esta característica para introducir o humor na historia, dando como resultado unha Maruchi capaz de confeccionar un calcetín máis grande ca outro ou unha manga máis longa do habitual.

Ao certame presentáronse unha vintena de propostas. O xurado acabou decantándose pola obra da viguesa, graduada pola facultade de Belas Artes de Pontevedra. O xurado destacou que a creación, apta para todos os públicos, «é unha historia tecida con ritmo, claridade e ollada poética» e tinguida tamén de tenrura, humor e perspicacia.

O xurado estivo integrado por Tamara Andrés Padín, Sara Valcárcel Maceira, Óscar Villán Seoane, Armando Requeixo Cuba e Carlos Loureiro Rodríguez, que exerceu de secretario.

O premio foi convocado por terceiro ano consecutivo polo Concello da Estrada en colaboración coa Secretaría de Política Lingüística e a editorial Galaxia.