ÚLTIMAS HORAS - BLACK DAYS -
Suscríbete 1 año con el 50% de descuento
Quiero la oferta

Un relato de Sciascia

Víctor F. Freixanes
Víctor F. Freixanes VENTO NAS VELAS

VIGO CIUDAD

ANGEL BLANCO

28 mar 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Contaba Celso Emilio Ferreiro que, cando era neno, andaban polas terras de Celanova xentes sen alma, que chamaban «levantadores», anunciando viaxes ás Américas a cambio de terras, propiedades dos paisanos, os aforriños na arca, ofrecendo papeis e pasaxes a quen quixese gañar a vida na outra beira do mundo, que era a outra beira do mar. Embarcaban clandestinamente en Vigo ou nalgunha praia das rías, porque non había papeis legais, e marchaban as máis das veces co posto, porque tampouco había sitio para moita equipaxe. Eran xentes do interior, da Galicia profunda, tamén a máis necesitada. Os tales «levantadores» percorrían as aldeas coma quen predica as misións. Se cadra é unha lenda urbana, pero eu sentinllo contar a Celso Emilio. E na miña casa do Rouco, en Pontevedra, contábanse historias parecidas. Sorte tiveran os meus tíos de non caer en semellante trapela. Os paisaniños enganados embarcaban nas praias de Ribeira ou Beluso, poñíanos a pasear nas sentinas das embarcacións, polo aquel de que ían clandestinos, e logo dun par de semanas de acó para alá desembarcábanos de noite, con moito misterio, nas Cíes. As luces de Vigo ou Baiona, alá no fondo, eran as de Buenos Aires ou Nova York.

O escritor siciliano Leonardo Sciascia conta a mesma historia referida aos seus paisanos de Sicilia, enganados da mesma maneira. O conto titúlase Un longo viaggio, e está traducido ao galego por Silvia Gaspar en “ Mar da cor do viño (Grandes do Noso Tempo. Xerais, 1991). «Coas súas maletas de cartón e os seus fardos, agardaban nun treito da praia pedregullenta (…) Chegaran ao anoitecer, despois de partiren ao albor das súas aldeas: aldeas do interior, lonxe do mar, encostradas na terra erma do feudo…». Hai varias curtametraxes e documentais inspiradas neste relato. Nalgúns casos os «levantadores» estaban en relación con certas compañías navieras sen escrupúlos que ofrecían estes servizos.

Non podo evitar pensar no relato de Sciascia e na memoria da miña infancia cando contemplo a peripecia tráxica de todas esas xentes, en pleno século XXI, que deixan a vida nas praias de Canarias, no sur de España e de Italia, nos campamentos de refuxiados de Lesbos, nos desertos de Texas e Novo México despois de pasar o Río Grande, por non falar de Turquía, Siria, Uganda, Camerún, Libia. Mauritania… Millóns de persoas en todo o mundo, principalmente no mundo da pobreza. Eses ollos de nenos que nos miran. Alí onde hai fame, persecución e inxustiza actúan as mafias que, como os «levantadores» dos que falaba Celso Emilio ou como o señor Melfa do relato de Sciascia, explotan a necesidade. Pero antes ca eles fomos nós. De neno falábase destas historias, e a miña avoa Elvira, cada vez que recibía carta do tío Antonio ou dos de Buenos Aires, daba grazas a Deus por sabelos vivos. Non pedía outra cousa.