O escritor falará dun dos seus libros cos rapaces dos IES Aller e Laxeiro de Lalín, e impartirá un taller no Colmeiro
29 oct 2009 . Actualizado a las 02:00 h.O escritor e ilustrador galego Anxo Fariña estará hoxe en tres institutos da comarca de Deza. Ás 9.45 manterá un encontro con alumnos do IES Laxeiro de Lalín e ás 11.40 horas fará o propio cos do IES Ramón María Aller. En ambos centros explicaralle aos rapaces o proceso creativo do seu libro «Os megatoxos e a espada esmeralda», publicación que lle foi entregada pola editorial A Nosa Terra aos alumnos de 1º e 2º de ESO de ditos centros. No IES Pintor Colmeiro, de Silleda, a partires das catro da tarde impartirá un taller denominado «Creando historias».
-¿En que consiste o taller?
-É o que o seu propio nome indica. Imos crear historias. Todos temos capacidade para crear historias. O que pretendo é que haxa máis creatividade nos rapaces, que esperten a creatividade que levan dentro e que está dormida. É un taller un pouco atípico: un obradoiro literario e un monólogo de humor. Precisaba un punto de partida para isto é foi co libro «Os magatoxos e a espada esmeralda» que leron os rapaces, lles vou explicar o que fixen antes de crear o libro e que eles vexan que son quenes de escribir unha historia.
-A finalidade é que haxa máis creatividade e que poida xurdir un escritor, un ilustrador...
-Ogallá. Pero destes talleres van xurdindo cousas absolutamente asombrosas. Hai micro relatos, que eu lles chamo, dunha intensidade asombrosa. Son historias curtas, ao mellor de só catro liñas, pero tan intensas... Puiden ler historias moi boas. Con estes talleres eu só poño a semente, que os rapaces a fagan medrar.
-¿É unha actividade que forma parte da campaña Bocaberta?
-É da Secretaría Xeral de Política Lingüística e englóbase dentro da campaña de normalización lingüística que se denominada así, Bocaberta, en colaboración coa miña editorial A Nosa Terra.
-Por certo, ¿como naceron os megatoxos?
-Eu xa viña facendo libros infantís pero desexaba crear algo máis complicado e chegaron os megatoxos. Toxos que é algo moi común na nosa terra. Xa están feitos tres libros, acabo de rematar o terceiro: Os megatoxos e os templarios da luz que saiu a semán pasada pero que -por certo- aínda non presentei.
-¿Cales son os proxectos máis inmediatos á marxe dos talleres que está a impartir por Galicia?
-Unha coleción de divulgación científica en colaboración coa Universidade de Vigo e pese a que acaba de saír o terceiro libro dos megatoxos xa me están preguntando polo cuarto. É un pouco pronto pero haberá que ir pensando.