Nacida no 1875 no castelo de Soutomaior. Marquesa de Ayerbe, debido ao seu casamento. Foi escritora, articulista e precursora do feminismo xunto á gran Emilia Pardo Bazán. Inxustamente esquecida e descoñecida, publicou un libro en 1904 coa historia do seu castelo. Rematou os seus días enigmáticamente e non sabemos onde descansan os restos desta «Marquesa Vermella». Nesta ocasión teño a fortuna de darlle vida, grazas á directora e actriz Mariana Carballal, que escribe coa asesoría de Xulia Santiso e Patricia Ángulo, unha conversa entre ambas mulleres para devolvelas ao presente na ficción. Ten lugar na Casa Museo Emilia Pardo Bazán, rúa Tabernas, 22; no Kiosko Alfonso de A Coruña e no parque do Retiro de Madrid. O guión está inspirado, sobre todo, nos escritos feministas da homenaxeada.
Estreamos o 16 e así celebramos o aniversario da Condesa, con interesantes propostas no marco da programación especial do centenario do seu pasamento. A presentación do libro «A educación do home e da muller e outros escritos feministas», escolma de textos da autora co-editada pola R.A.G. e o Parlamento de Galicia, ao coidado de Marilar Aleixandre e a nosa representación dramatizada na que Dona Emilia recibe á súa amiga, tamén escritora e destacada defensora da igualdade, María Vinyals. Nesta ocasión é Larraitz Urruzola a miña anfitrioa.
Dúas representacións e viaxamos inminentemente a Madrid. Dúas valentes e talentosas mulleres, caracterizadas por Diego Valeiras, (gañador recentemente do María Casares), e no caso da miña María, tamén con xoias de Ana Díaz, (inspiradas no centenario). De paseo polo Retiro, comentando as preocupacións do 1904. Recordo a conversa, en plena pandemia, coa miña benquerida amiga Yolanda G. Ramos. A desesperación pola incertidume na Cultura era moi preocupante para min, e ela, como podía, consolábame. Dúas amigas e a loita por superar as vicisitudes do momento actual... cos mesmos ideais, coas mesmas dúbidas... Analoxía pura!
Grazas á bendición da necesidade de ter que interpretar distintos roles propia da miña profesión, hoxe, podo falar con ela de como mudar nunha semana só, afortunadamente para min, cara unha nova aventura como actriz.
*Veiga é actriz, presentadora, guionista e pedagoga teatral