Obradoiro de jiu-jitsu e de pilates do Dojo Berseker en Vilagarcía para axudar a un neno cunha enfermidade ultrarrara

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

NIGRÁN

Presentación do obradoiro solidario do club Dojo Berseker na casa consitorial de Vilagarcía, con presenza do alcalde (esquerda) e do concelleiro de Deportes (dereita).
Presentación do obradoiro solidario do club Dojo Berseker na casa consitorial de Vilagarcía, con presenza do alcalde (esquerda) e do concelleiro de Deportes (dereita). MARTINA MISER

O club arousán quere contribuír á mellora de Mauri, un bebé de 3 anos de Nigrán aqueixado pola enfermidade de Alexander

07 feb 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

Mauri é un neno de 3 anos de Nigrán que padece a enfermidade de Alexander, una afección catalogada como ultrarrara, padecida por tan só outras seis persoas en España, unha cantidade que espanta o groso da grande industria farmacéutica da procura dunha cura. É por iso que a nai de Mauri fundou a Asociación Española de Enfermos de Alexander, destinada a prestarlles apoio ás familias dos pacientes, pero tamén a recadar fondos para a busca dun tratamento que palíe ou erradique a enfermidade. Coa familia de Mauri encarando un tratamento experimental cun custo entre o medio e o millón de euros, os responsables do club Dojo Berseker de Vilagarcía de Arousa queren poñer o seu gran de area a esta causa,. Con tal fin, veñen de anunciar a celebración dun obradoiro solidario para aprendizaxe de Brazilian Jiu-Jitsu, a disciplina brasileira que traballa o corpo e a mente ademais de técnicas de defensa persoal, e outro de pilates. Será o sábado 7 de marzo, de 11 a 13 horas, nas dependencias do club (rúa Escardia, número 7).

Fátima Diz, do Dojo Berseker, anunciou onte a iniciativa no consistorio de Vilagarcía acompañada do alcalde, Alberto Varela, e do concelleiro de Deportes, Carlos Coira. Diz explicou que a cota de participación no obradoiro é de 20 euros, destinados á investigación contra a enfermidade de Alexander, con inscrición previa chamando ao teléfono 657 016 856. Tanto Varela coma Coira loaron a iniciativa, animando a veciñanza vilagarciá a participar nela.