En «Granito», o escritor vigués ficciona os asasinatos de Nigrán de 1994
22 nov 2020 . Actualizado a las 01:45 h.O ano 1994 quedou marcado polo asasinato de catro persoas nun chalé de Nigrán a mans de dous policías. Álex Alonso (Vigo, 1968) novela aquel suceso en Granito (Xerais), co que obtivo o Premio Torrente Ballester.
-Por qué lle interesou o tema?
-No seu tempo, polo feito de que dous policías asasinasen a toda unha familia. Despois, recordoume á novela de Truman Capote, A sangue frío, e vin que tiña moito potencial literario.
-Deulle respecto narrar uns feitos tan dramáticos e con protagonistas vivos?
-Eu son de San Miguel de Oia e toda esta historia pilloume moi próximo. Tiven claro dende o principio que non quería entrar en ningún tipo de labor investigadora nin contactar cos protagonistas. Nese aspecto dábame reparo.
-Como afrontou o tema?
-Dende a ficción, valéndome das crónicas xornalísticas da época, que non deixan de ser unha literatura de non ficción. Tomei como referencia espacial os xornais dende un mes antes dos asasinatos e seleccionei todas as noticias que me pareceron interesantes para reconstruír a trama. Despois, inserín os personaxes nese contexto político, social, deportivo, cultural e económico para chegar ao momento crucial.
-Ese contexto é coma un segundo libro no que fai unha crónica do Vigo dos noventa.
-Si, reflicte o que estaba saíndo nos xornais da época. O resultado é coma se fose un pequeno xornal no que aparecen as novas locais e internacionais con todas as seccións que teñen os xornais.
-Hai vivencias persoais?
-Cando se escribe sempre aparecen cousas. Eu traballei cinco anos no Dublín, así que a crónica nocturna ten algo diso.
-Tomou partido na trama?
-Creo que non, tampouco é algo que quixese facer conscientemente, pero non resulta ser unha novela maniqueísta; cada personaxe ten os seus prismas. Evidentemente, os policías teñen os tratos máis negativos porque son os criminais.
-Como vai ser a partir de agora o seu camiño literario?
-A min gústame escribir, pero no eido literario, cando rematas unha novela, sempre tes que partir de cero; ninguén vaime garantir que se publique o que faga ou que sexa ben acollido. Danche, iso si, moito máis ánimo e confianza para afrontar outro proxecto literario, pero tes que arrancar de novo. Non sei como será o futuro. Eu afronto a literatura coma un hobby.
-Ten un estilo propio e reconocible?
-Non sei. Nese tema, creo que son os de fóra quen ven mellor as cousas, eu non son consciente. Hai xente que me di que Granito ten o estilo do meu anterior libro, Tempos de bebidas isotónicas e fast-food (Xerais), pero é algo do que eu non me dou de conta. Eu me poño a escribir, pero sen máis.