Xosé Manuel Budiño: «O fulgor son os amigos»

Defínese como viaxeiro por natureza, pero atopou o seu paraíso na Illa de Arousa. Di ser bo pinche de cociña, e ademais de ser músico e compositor agora botouse a cantar


Ata hai pouco, poucos oíran a voz de Budi, que ten o seu paraíso dende hai moitos veráns (e invernos) na Illa de Arousa. Debe dicilo coa boca pequena para evitar «collejas» dos amigos pola publicidade fatal. A palabra que máis repite é amigo, coas variedades de feminino e plural. Di que agora é máis galo que moucho, e moi bo pinche de cociña, un pinche que no confinamento quixo «queimar as mans». Cústame atopar a data de nacemento de Xosé Manuel Budiño, mais non o lugar: Moaña. «Nacín o 23 de abril do 69, o Día do Libro». Imos ler...

-Ansioso, tranquilo, con ganas de cambiar o ritmo?

-Pasei un ano e medio para facer o disco Fulgor. De repente sacas o disco e estás preparado para o directo. Iamos estar no Son do Camiño diante de 50.000 persoas! Imaxínate, con Liam Gallagher. Que non poida ser rómpeche os esquemas. É: «Non, noon! Isto non! Eu quero estar nos festis».

-Por que se botou a cantar?

-Levo toda a vida compoñendo as miñas músicas e en todos os discos sempre hai amigos e amigas convidados. Eu enviáballe unha canción a un amigo cantante, mandaba un borrador coa miña voz, e el tiña que facer súa esa canción. Todos me dicían: «Por que non cantas ti?». Dáme pudor cantar diante da xente, dicíalles.

-Tamén toca diante da xente. Impón máis tomar a palabra?

-Narf, Fran Pérez, díxome estando no Canadá nunha xira: «Budi, que fago no Canadá contigo?». «Como que que fas? Vimos desfrutar, flipar e cantar cousas túas e miñas, non?». «Pero se ti cantas que te cagas», dixo. «Eu fágoche os coros encantado». «Non, non, tes que cantar!», insistiu. E decidinme. No 2017 reeditamos Paralaia, e deume tempo para poñerme as pilas e compoñer para min Fulgor. Foi un proceso de catarse, foi enfrontar unha vida nova. Ninguén escoitara a miña voz cantando.

-A que soan os primeiros veráns?

-Á praia de Moaña pola mañá. De pequeno gustábame a sensación de ir á praia pola mañá, cos meus primos, e comer na casa. Que ben senta a comida cando vés da praia!

-Cal é o instrumento que máis lle presta, o que mellor se lle dá?

-Non o sei. Eu son defensor do instrumentista, do cantor. Un mesmo instrumento tocado por dous músicos é dous instrumentos. Quedo con todo. Gústame a sensación de producir, de compoñer para baixo, para batería... e chamar aos amigos!

-Con que chupa os dedos?

-Se me pos un bo tomate da casa... E tamén co churrasco! Pero son súper de peixe, encántanme chinchos e xoubas.

-Ten horta?

-Non eu, pero si familiares meus, e dannos patacas, berenxenas, tomates... E sempre comemos ovos da casa.

-É galo ou moucho, máis diúrno ou nocturno?

-Na adolescencia e a partir dos 20 es moucho, pero chega unha idade na que es galo. Gústame aproveitar o día. Hai iso de «es que los músicos trabajamos mejor de noche», que é unha parvada... Eu rompín ese esquema hai moitos anos e a partir das dez e media da noite non hai unha máquina acendida na casa, salvo a tele para ver unha serie.

-A onde devece por volver?

-Como di a canción? A México, claro! No confinamento botas contas: «A ver, eu... en cantos países estiven?». En máis de 25. En Europa en case todos. De Oriente Próximo son marabillosos o Líbano, Xordania e Siria. Tiven a oportunidade de tocar no Palacio da Ópera, no maior auditorio que había en Damasco, con xente pagando unha entrada para verte. É un luxo.

-Viaxeiro ou caseiro?

-Son viaxeiro por natureza, e dígome: «Por que? Se eu estou ben na casa...». Pero creo que compoño para coller a maleta. Teño sempre o neceser preparado. Son viaxeiro por natureza e caseiro para preparar esas viaxes.

-Onde comeu mellor?

-Dificilísimo. Eu comín xenial este San Xoán con xoubas, churrasco e torta de queixo caseira. Pero se estás en Coyoacán, ao lado da Casa Museo de Frida Kahlo... marca moito. En Shanghai comemos na rúa de marabilla. Tamén é alucinante como sabe en Cabo Verde o peixe do día. Non podo escoller, non, é como elixir entre papá e mamá!

-Cociña a diario?

-Materia pendente. Cociño, pero non a diario. Pero este confinamento fun a por todas! Intentei facer cada día un prato distinto. Son moi bo pinche, pero quería queimar as mans.

-Lugar favorito en Galicia?

-Teño que dicilo coa boca pequena, porque os amigos empezan a dar collejas, porque se lles enche: A Illa de Arousa.

-Debuxe un día perfecto.

-Estar nun sitio como Damasco ou México, ter un concerto pola noite e ao día seguinte ter o día libre. Tocar á noite no barrio de Coyoacán e á mañá seguinte ter todo o día por diante. O mellor é ter amigos en diferentes cidades! Eles encárganse de que che aproveite o día, de que sexa eterno.

-Unha boa serie?

-Hierro, dos irmáns Coira.

-Cal é o fulgor da vida?

-Os amigos, que pensas que son poucos, pero non son tan poucos. Eles son o fulgor, alimentan esa felicidade real que son momentos, nos que tes que abrir os poros da pel e deixar que te atravesen. Esa é a verdadeira felicidade.

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de Vigo

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
2 votos
Comentarios

Xosé Manuel Budiño: «O fulgor son os amigos»