O HOME QUE TOMOU UN BAR

La Voz

ARBO

Á MARXE CARLOS CASARES

26 feb 2001 . Actualizado a las 06:00 h.

Ó amigo Alberto Oliart, que foi ministro de varias cousas, entre elas de Defensa, téñolle escoitado historias de moito interese sobre o golpe de Estado do 23 de febreiro, que el herdou do ministro anterior, e sobre o menos coñecido golpe do 28 de outubro, que desmontou coa axuda do xeneral Manglano, agora proscrito, e de Juan José Rosón, xa desaparecido. O outro día, lin unha entrevista onde contaba algunhas cousas relacionadas con estes sucesos, pero gustaríame que un día falase en público do segundo dos golpes, no que se contemplaban bombardeos e fusilamentos, e sobre todo que contase cómo lle cambiaron a maleta coa documentación ó xefe da banda, sen que este se enterase, e do horror que descubriron dentro. Supoño que, cando o considere oportuno, o acabará contando. Esto da maleta do coronel implicado, máis alá da gravidade dos feitos en si, forma parte tamén dos elementos esperpénticos que sombrearon estas páxinas tan pouco gloriosas da nosa historia recente. Nestes días de conmemoracións, eu botei de menos estes aspectos. Se descontamos a chamada do xeneral Gómez de Salazar dirixíndose ferozmente a Miláns del Bosch, pero chamándolle Jaimito, pouco máis se recordou. Ninguén se acordou, por exemplo, daquel deputado, que cando todo estaba claro, se puxo de pe, desabotoou a camisa e lles pediu ós golpistas que lle dispararan ó peito. Tampouco se evocou a frase famosa do «se sienten, coño», que evidenciaba que os golpistas, ademais de ser xente pouco serena, non se levaban moi ben coa gramática. Na radio escoitei eu a uns señores de por aquí, que na noite de autos estaban comendo unha lamprea en Arbo, e pensaron que nada ía con eles, ata que irrompeu de repente no comedor, como un tigre de Bengala, un vello oficial retirado, pistola en man, dicindo que alí non se movía ninguén. Vese que, a falta de outra cousa, tomou o bar. Pena que os comensais non o invitaran a unhas patacas. E a un vaso de viño.