Ser de aldea

Carlos Fernández Coto SECCIÓN ÁUREA

A CAÑIZA

01 oct 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Ser de aldea era un estigma que levaron consigo moitos galegos, na crenza de que era unha posición de inferioridade respecto dos da cidade, o mesmo estigma que nos foi implementado por falar en galego, outra eiva que restaba valor aos galegos. Era? Aínda segue sendo unha barreira para a popularidade, por desgraza. Esta etiqueta non deixa de ser un artificio moi afastado da realidade: vivir nunha cidade é menos saudable e máis estresante. Ser da cidade é, talvez, ser máis débil fronte ao mundo, pola artificiosidade e pola contorna enlatada na que se desenvolve.

Con todo, levamos cen anos fuxindo do rural e cando todos marchan, a aldea queda deserta. Cando hai case catro mil núcleos deshabitados, os políticos comezan a utilizalo como recurso electoral sen aportar ningunha idea válida, sen que ninguén teña unha idea brillante para solucionalo. Nin existe unha idea máxica, nin o éxodo rural comprende todo o territorio. Non hai fórmulas máxicas, pero si propostas atractivas para que cada vez haxa máis xente de aldea. Sen xente non hai vida. Sen un rural vivo, non haberá cidades sas. Sen xente no rural, pérdese o patrimonio, a propia gastronomía galega desaparece.

Este fin de semana analizámolo na Cañiza, dentro dun programa multidisciplinar coordinado pola cooperativa O Tempo da Aldea, e entre as conclusións, a de deixar de autoflaxelarnos como pobo de aldea que fala galego e mirar adiante con propostas. Hai solucións puntuais e hai esperanza. Hai gañas de perder o medo a que nos sigan etiquetando por vivir na aldea e da aldea. Non podemos deixar que morra.