Os museos vigueses festexan o seu día internacional

La Voz VIGO

VIGO

M.MORALEJO

As actividades continuarán mañá domingo

16 may 2025 . Actualizado a las 17:07 h.

Aínda que o día oficial é o domingo, os museos vigueses xa festexan o seu día internacional dende o pasado venres. A rede municipal de museos xa é gratuíta todo o ano polo que non será unha novidade típica desta data. Non é o caso do Museo do Mar de Galicia que, durante todo o ano, mantén unha entrada de pago para acceder as súas colección. Hoxe non haberá que pagar por entrar a todas as súas instalacións.

O panóptico do Museo de Arte Contemporánea, a partir das 12.00 horas, será o escenario de gravación de Efervesciencias, o programa da Radio Galega conducido por Manuel Vicente, e coa participación de persoas expertas no ámbito da divulgación científica. Unha sesión aberta ao público, froito da colaboración entre os equipos de Efervesciencia e do proxecto Lumes' [Laboratorio urbano de músicas e enxeñería electrónica], que une o potencial dos avances tecnolóxicos coa innovación e a enerxía da mocidade.

Paralelamente, no Espazo Anexo (Laboratorio das Artes), os obradoiros para público infantil xirarán ao redor da mostra de Alfonso Galván, recentemente inaugurada no 1º andar.

No Museo Etnográfico Liste (Pastora, 22) haberá unha programación continuada dende as 10.00 ata as 14.00 horas. Os visitantes poderán participar en actividades ao redor das cantareiras; haberá unha visita guiada (11.00 horas); a entrega de premios dos concursos de fotografía e redacción; e unha curiosa actividade sobre palabras en desuso.