Mónica Piñeiro, patroa de barco: «Nos días malos hai que acariñar as ondas»

Bibiana Villaverde
bibiana villaverde VIGO / LA VOZ

VIGO

M.MORALEJO

É unha das poucas mulleres en Galicia ao temón dun barco de 22 metros e con capacidade para 150 persoas; leva pasaxeiros no transporte de ría e no verán, turistas; «ao mar hai que respectalo e querelo», di

24 jul 2021 . Actualizado a las 22:31 h.

«O primeiro día o mar facíaseme enorme, agora fáiseme pequeno». Mónica Piñeiro (Bueu, 1975) non pensaba dedicarse ao oficio do seu pai, pero a vida dá moitas voltas, case tantas coma as manobras que ela dirixe a bordo do buque Jesús Rosa Acuña, da navieira Nabia. Filla de mariñeiro de altura, casada cun patrón de embarcación e nai dun mozo xefe de máquinas enrolado na campaña do atún, parecía que o seu destino estaba predestinado ao mar, pero ela deu un rodeo. Tras traballar nun comercio, acabou cosendo roupa para mariñeiros ata que a empresa quedou sen traballo. A competencia chegada de China levou a esta buenense ao paro. Foi entón cando Mónica decidiu dar un golpe de temón e embarcarse. «Como meu home e máis eu temos unha embarcación para o polbo, lanceime. Saquei a titulación de patrón portuario». A bordo atopou a súa vocación.

Mónica Piñeiro é unha das poucas mulleres en Galicia que se dedica a transportar viaxeiros a bordo dun buque de pasaxeiros de 22 metros de eslora. A presenza de mulleres no medio mariño é común no país das rías pero son poucas as que están dirixindo unha embarcación. Dende que, no século XVI, a pontevedresa Isabel Barreto -os historiadores discuten sobre a súa orixe galega ou peruana- desempeñara o cargo de primeira muller almirante, non houbo grandes avances na historia das mulleres ao mando de embarcacións. Nos últimos anos téñense dado pasos, dos que Piñeiro está sendo testemuña. Dende que comezou os seus estudos de patrón portuario en Bueu, cada vez son máis a mulleres ao temón. «Cando estudei, había algunhas mulleres bateeiras que estaban estudando para levar o barco ás bateas. Somos poucas pero, pouco a pouco, se van incorporando máis». Trece anos despois, Piñeiro ten compañeiras que, ao igual que ela, son as máximas autoridades a bordo. «Levo ben o de mandar porque levamos persoas e é unha grande responsabilidade, pero somos un equipo toda a tripulación».

No verán a ruta é turística, hai días de viaxe a Cíes, outros na ruta do mexillón ou eventos privados polas rías. No inverno, o traxecto é máis rutineiro, movendo pasaxeiros entre Moaña e Vigo. É nos meses de mal tempo cando un navegante demostra a súa pericia. «Os días malos hai que acariñar as ondas, buscándolle o xeito para que a xente non se maree, buscando a amurada. Hai que buscar a forma da onda, non collela de proa, senón de lado. Intentar que non sexa incómodo para a xente. O mar hai que respectalo e querelo». A responsabilidade de levar pasaxeiros nunca queda de lado para Piñeiro que se considera moi afortunada. «Traballamos ao aire libre e gozamos da ría. O mar relaxa, ves por debaixo Rande, o amencer, o atardecer, é impresionante, somos uns privilexiados».

Filla e nai de mariñeiros Mónica Piñeiro non pensaba dedicarse á náutica polas ausencias do seu pai, mariñeiro de profesión, que estaba embarcado en altura
Filla e nai de mariñeiros Mónica Piñeiro non pensaba dedicarse á náutica polas ausencias do seu pai, mariñeiro de profesión, que estaba embarcado en altura

«Ao principio movíaseme todo»

Piñeiro leva unha década «despachando», como lle chama ela a pilotar a embarcación. «Cando empecei no barco, ao principio, na primeira semana movíaseme todo na casa, movíaseme a encimeira, cando facía de comer estaba coa perna apoiada porque se me movía ata a tixola». Superada a adaptación física ao medio mariño, esta patroa está feliz co seu oficio, «non volvería ao téxtil, isto non se cambia, ao contrario buscas máis. E anima a outras mulleres a estudar carreiras náuticas, un oficio no que faltan vocacións e que ofrece posibilidades de traballo ben remunerado. «É un traballo que recomendaría a outras mulleres porque calquera pode exercelo. Somos moitas menos, por iso se nos mira menos, pero calquera pode facelo».

O que non lle resulta atractivo é embarcarse na pesca de altura. «Meu pai xa era mariñeiro de máquinas e sempre estivo embarcado, por iso nunca quixen embarcar. Estou casada hai 26 anos, teño dous fillos, e embarcando non gozas dos fillos, nin os fillos dos pais. Aínda así, agora é mellor que antes, antes botaban un ano no mar, ou seis e sete meses. Agora as mareas son máis curtas pero perdes de estar coa familia». O sabe en carne propia, antes polo pai e agora polo fillo. «O neno maior estudou máquinas e está no atún agora. Falo con el todos os días por wasap. É algo que antes non se tiña, parece que non pero é moito poder mandar unha mensaxe de “¿Que tal vas?”, fai que non se faga tan duro. Meu home tamén é patrón de embarcación pero está aquí e traballa comigo na navieira». O fillo pequeno estuda bacharelato, quizais siga os pasos dos pais, ou quizás non, pero o que é seguro é que levará uns bos vimbios para este oficio. «De cruceiro non imos pero cando saímos de vacacións en familia sempre imos ós portos a mirar todos os barcos», ri.

A súa canción

«María Soliña», de Astarot. «Esta canción representa ás mulleres como loitadoras, María Soliño foi unha muller ao pé do canón. Me encanta esta versión de Astarot porque lle deron un toque moi especial á historia. Ademais os do grupo son veciños, e me parece importante tamén apoialos».